Xavier Vence declarou como testemuña na Audiencia Nacional polo caso contra Causa Galiza

O portavoz nacional do Bloque afirma que “para o que o señor xuíz anda buscando, pouca información temos no BNG”.

vence audiencia nacional
photo_camera Vence momentos antes de entrar na AN [Imaxe: TVG]

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, prestou declaración esta segunda feira na Audiencia Nacional como testemuña no caso que este tribunal español segue contra a formación independentista Causa Galiza, submetida desde novembro a unha ilegalización de facto. En declaracións aos medios ás portas da AN. Vence dixo que fora unha declaración “rápida, sinxela e sen complicacións” na que o maxistrado que instrúe a causa, Eloy de Velasco, fixéralle preguntas relativas ás actividades políticas de Causa Galiza.”Quedou todo aclarado”, explicou o portavoz nacionalista, que engadiu que “sabendo para o que o señor xuíz andaba a buscar, tempos pouca información desde o BNG”. Vence estivo acompañado por varios cargos nacionalistas, como Rafa Villar, Rosana Pérez e Bieito Lobeira.

Precisamente Lobeira tivo que declarar a semana pasada na AN pola mesma causa. O secretario de Organización do BNG manifestara daquela, após responder ás preguntas do xuíz durante máis dunha hora, que a citación da AN “ten unha intencionalidade política: queren erradicar o nacionalismo”.

Causa Galiza está submetida a unha suspensión de actividades por dous anos. Unha medida adoptada polo xuíz como colofón a un operativo policial no que se detivo a súa dirección nacional. Dita operación fora criticada por partidos, sindicatos e colectivos sociais, que sinalaran que era unha criminalización do independentismo.

Comentarios