Xavier Vence acusa ao PP de ter a Galiza nun "golpe de estado permanente"

O portavoz nacional do BNG exixiu a convocatoria de eleccións anticipadas na Galiza e o Estado durante a súa intervención no acto político de homenaxe a Bóveda. Vídeo do acto no interior

Díxoo na homenaxe convocada pola Fundación Alexandre Bóveda na Caeira e reiterouno no acto político organizado polo Bloque en Pontevedra. O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, exixiu a convocatoria de eleccións anticipadas e a urxencia dun proceso de recuperación dos poderes democráticos que vele polos "dereitos" e "intereses" nacionais da Galiza. 

Para o nacionalista o Partido Popular mantén o país "nun golpe de estado permamente" e atópase incapacitado para seguir gobernando na Xunta de Galiza após os escándalos de corrupción que asolagan as filas do partido. Neste senso, Xavier Vence urxiu a necesidade de "reproducir as vellas demandas" de Bóveda e o Partido Galeguista. 

No acto de homenaxe que desde o BNG desenvolveron en Pontevedra con motivo do Día da Galiza Mártir, o voceiro nacional do Bloque salientou a importancia de manter vivo o espírito e as reivindicacións de Bóveda e Castelao fronte a "ofensiva recentralizadora" do PP. 

Vence salientou a "auto-organización" como unha ferramenta fundamental fronte "as falsas esperanzas federalistas"

Asemade, lanzou un chamamento a todas as forzas nacionaistas a se uniren contra o "españolismo" e as "falsas esperazas do federalismo español", asegurou Vence.

Neste senso, o portavoz nacional do Bloque saudou o nacemento da iniciativa social Galiza pola Soberanía da que dixo "é un movemento multicolor" a prol do dereito a decidir do pobo galego.  Aliás, chamou á cidadanía a participar da manifestación convocada pola organización frontista o vindeiro 15 de setembro en aras de a converter "nunha grande mobilización" contra o centralismo e a prol dos dereitos nacionais da Galiza. 

Comentarios