VOCES DE CAMPAÑA

Xan Jardón: “É importante que os concellos do rural teñan voz en Madrid”

O alcalde de Compromiso no municipio ourensá de Vilar de Santos, que apoia a candidatura de Nós, responde na nosa sección 'Voces de campaña' sobre como ve os comicios do 20D. 


Xan Jardón é alcalde do municipio ourensá de Vilar de Santos. Alí goberna desde 2011, sendo o rexedor con máis votos do país, primeiro dentro do BNG e agora na formación Compromiso por Galicia. Jardón apoia nestes comicios o proxecto de Nós, despois dunha “aposta decidida pola confluencia nunha candidatura de unidade que non foi posible”. 

Vostede que arrasou nas municipais, como está a ver a campaña electoral?

Cada vez se fan campañas máis virtuais, a través dos medios, das televisións. De virtualidade pouco intensa. E despois é evidente que os grandes problemas do noso país non están presentes en absoluto. Galiza está totalmente ausente neste proceso de discusión.

É posible romper hexemonía do PP en Ourense?

Seguindo as enquisas, parece que perden un deputado... Estamos nun momento importante a nivel de cambio. Nas últimas convocatorias electorais houbo baixas importantes na tendencia de voto. Tendencias que se van acumulando e si creo que é posible. 

Cada un dos catro escanos por Ourense custa máis de 50.000 votos. Que opinión lle merece a lei electoral?

É un debate que se ten presentado moitas veces. Custa moito máis sacar un deputado en Ourense que noutras provincias galegas. Habería que cambiar a lei electoral, un modelo que beneficia ao bipartidismo dominante. 

Que importancia teñen estas eleccións para Vilar de Santos?

Sempre dixen que todo o que fagamos desde Vilar de Santos fai país, todas as propostas de re-equilibrio, capeando de maneira satisfactoria a crise, incluso consolidando o tecido económico municipal e aumentando os servizos públicos.  É importante que os problemas de concellos pequenos e do rural como o noso teñan voz en Madrid. 

Cales serían as súas prioridades?

Estamos nun modelo profundamente descentralizado no político pero profundamente centralizado no económico. Alí é onde se deciden cuestións que teñen unha incidencia grande nun país como Galiza. Son precisas correccións nos investimentos que non se teñen feito para paliar o envellecemento ou a dispersión xeográfica. Que temos demandado historicamente. 

Un prognóstico. Haberá grupo parlamentar galego?

Non o sei. Estamos nunha conxuntura política moi volátil. Non me atrevo a aventurar unha cousa nin a outra. Pero oxalá que haxa grupo propio. 

Comentarios