Xacobe García, novo secretario-xeral da UMG: “Temos que sacudirnos o po"

Xacobe García Souto foi electo no XV congreso da Unión da Mocidade Galega (UMG) novo secretario-xeral. De Ribadavia e estudante de Bioloxía na USC, sinala que é un máis das 15 persoas que compoñen o Comité Nacional da UMG, e que procuran meter “ilusión” pola soberanía na mocidade

UMG

Xacobe García Souto foi elixido no XV Congreso da UMG, que decorreu en Compostela sob o lema de 'Sumando enerxías cara a unha Galiza soberana', como novo secretario-xeral. Un cargo ao que este mozo de Ribadavia e estudante de Bioloxía na Universidade de Compostela accede con humildade e gañas. “Ilusión”. Esa é a palabra que el emprega. “O problema que pasou no nacionalismo foi, quizás, que se perdeu parte da ilusión. Hai que recuperala”, apunta.

García Souto leva seis anos de militancia no nacionalismo. Responsábel comarcal de Galiza Nova na comarca do Ribeiro, así como responsábel de organización do BNG. Salienta do Congreso da UMG “o debate. Houbo un debate que entendo como moi produtivo, sobre todo na actual situación. Temos claro que queremos afortalar o nacionalismo entre a mocidade”.

Galiza Nova

Preguntado sobre o papel da UMG en Galiza Nova e a función da organización da mocidade do BNG, Xacobe García considera que GN é unha ferramenta indispensábel e útil para o nacionalismo.

"Queremos que na mocidade se visibilice a alternativa nacionalista. E imos traballar pola unidade do nacionalismo"

“Temos claro que queremos visualizar a alternativa nacionalista entre a mocidade. Como? Pois non vai ser doado. Pero teño claro que a ilusión ímola ter. Quizás un dos problemas que tivemos no nacionalismo foi o de faltarnos ilusión”.

Soberanía

Un dos elementos fulcrais deste Congreso da UMG foi a reivindicación e defensa do soberanismo. “Non é algo novo, a soberanía para Galiza sempre estivo no nacionalismo. Que se visibilice máis agora? Bon, a ofensiva españolista fai que a resposta teña que ser máis clara”.

Para o novo secretario-xeral da UMG, a soberanía tamén é algo concreto e tanxíbel para facer visíbel na mocidade: “Sen termos unha Galiza soberana xa vemos o que temos: Non podemos estudar, con Wert e Boloña e a súa mercantilización do ensino; non podemos traballar... só queda emigrar”.

Para García Souto "é primordial, e así o dixen no discurso na miña intervención no Congreso, sacudirnos o po. A nós propios e a todos aqueles que pensan que os que estamos en política somos iguais. Iso é mentira. É algo que lle interesa que se pense ao sistema, mais non deixa de ser mentira. Non somos iguais”.


 

Comentarios