Xa está en marcha o portal de participación para a asemblea de En Marea do 17D

A plataforma en que conflúen Anova, Esquerda Unida, Podemos e as marés municipalistas preparan o congreso en que se dotarán de dirección nacional, con protagonismo de Luís Villares xa no mesmo acto de apresentación do portal de inscrición na asemblea.

Apresentación asemblea En Marea. Luís Villares. 9 decembro 2016
photo_camera Villares e Bóveda

María Xosé Bóveda, integrante da Coordenadora de En Marea, e Luís Villares, portavoz do grupo parlamentar, e candidato in pectore á líder da organización, apresentaron esta sexta feira o portal de participación para a asemblea do 17D, o conclave da confluencia en que se discutirán as distintas teses a debate. 

Os textos -relativos ao regulamento e á organización- están xa disponíbeis na web da plataforma.

O grande debate será, sen dúbida, a forma en que se debe organizar a confluencia. Basicamente hai dúas posicións, a de que se converta nun partido político -con disolución dos suxeitos políticos previos- ou a de que se constitúa nunha especie de fronte que recoñeza a existencia das forzas preexistentes no seu seo. Na primeira posición estarían sectores de Anova e Luís Villares. Na segunda, Podemos, Esquerda Unida e o núcleo de Anova situado máis perto de Martiño Noriega.

Consumado o proceso de debate este 17D, a organización terá por diante a tarefa de escoller dirección e referente orgánico, algo que en principio faría en xaneiro.

Bóveda e Villares salientaron que coa apresentación deste portal se dá cumprimento ao compromiso da confluencia de dotar de ferramentas de participación ás persoas que desexen tomar parte neste proceso político.

Os pasos para a inscrición no portal -que xa se pode realizar desde hoxe- son os seguintes

-Clicar na ligazón:  https://medrando.enmarea.gal

-Crear un usuario e escoller un contrasinal. É preciso rexistar o número de móbil.

-Co código que se recebe no móbil se pode acceder á páxina e completar o rexisto.

Comentarios