Wert pensa na posibilidade de reprimir os asubíos ao Borbón e ao himno español

O Ministro de Educación, Cultura e Deporte asegurou que "non hai que acostumarse e estas situacións" e sinalou que era "un problema pedagóxico".
Wert

As protestas pola presenza de José Ignacio Wert, Ministro de Educación, Cultura e Deporte, e o monarca na final da Copa ACB de baloncesto desta pasada fin de semana non sentaron nada ben no goberno español. O propio ministro non deixou pasar a ocasión de dar a súa opinión sobre esta cuestión no foro dun xornal madrileño. Diante da imprensa considerou que os asubíos, noutro país, consideraríanse "indesexábeis" e exixiu que se faga "un esforzo pedagóxico" para mudar a situación. "Algo estamos a facer mal", dixo Wert, "o sistema educativo ten moito que contribuír a isto".

Wert exixiu que se faga "un esforzo pedagóxico" para mudar a situación

Nas respostas do ministro non entraron a posibilidade de que as súas decisións políticas e os contínuos escándalos da monarquía teñan algo que ver coa situación vivida no Pavillón Buesa Arena de Gasteiz. Após indicar que "o importante é que non haxa medidas represivas" nestes casos deixou tamén o interrogante de que non as descarta en absoluto, coincidindo coa opinión de María Dolores Cospedal.

"Estimular" para ser español

Wert quixo matizar as declaracións realizadas hai días nas que aseguraba que había que a educación catalá debía "españolizar". Após indicar que todo era "unha mala interpretación" das súas palabras sinalou que o que quería dicir era que había que "estimular" que "un estudante catalán" sentise orgulloso de ser español. "E se por iso son o 'pim, pam, pum' do independentismo pois que lle imos facer".

Comentarios