Vox topa coas nacións sen Estado: colleita os seus peores resultados en Euskal Herria, Catalunya e Galiza

A formación de ultradereita non logra representación nin por Galiza nin por Euskal Herria e en Catalunya atinxe, con 3,6% dos sufraxios, 1 representante de 48 a elixir. Mentres no Estado español ten de media 10,3% dos votos nestes tres territorios obtén menos da metade.

vox abascal
photo_camera Un acto de Vox.

A principal mensaxe, non a única, sobre a que Vox constrúe o seu discurso e a súa imaxe é a de unidade a ultranza da 'Nación Española'. Unha España unha e única que lle leva a exixir a recentralización absoluta, a eliminación das autonomías e a batalla contra linguas e culturas existentes no Estado que non sexan a que eles conciben como única española. Unha mensaxe que logrou o apoio de 10,3% das persoas que votaron este domingo, 2.677.000 de votos en todo o Estado e 24 deputados e deputadas. Porén, Vox bateu coas nacións sen Estado.

O partido que lidera Santiago Abascal colleitou os seus peores resultados en Euskal Herria, Galiza e Catalunya. Nesta última obtido 1 representante entre as 48 que se elixían por ese territorio. Tivo 3,6% dos votos. Apenas 148.000 sufraxios dun total de 4.150.000 que se emitiron en Catalunya este domingo. O seu deputado, aliás, lógrao nun escenario de esfarelamento de PP en Catalunya -cae de 6 a 1- e de estancamento de Cs -mantense en 5-.

En Euskadi tivo este partido o seu peor resultado. Só logrou 2,2% dos votos entre Bizkaia, Araba e Gipuzkoa. Ningún deputado, o mesmo resultado que PP e Ciudadanos, que deixa unha Euskadi sen representación para a dereita española. Na vila natal de Santiago Abascal, Amurrio, Vox tivo 2,4% dos apoios nas urnas. Esta localidade alavesa votou maioritariamente polo PNV (35% dos sufraxios) e EH Bildu (21,3%), e nela PSOE obtivo 16,8% e Unidas Podemos 16%.

Na outra pata de Euskal Herria no Estado, Nafarroa, Vox tampouco atinxiu representación. Votou esta opción 4,8% dos electores navarros e navarras. Que vén sendo menos da metade dos que votaron EH Bildu (12,7%) e apenas unha cuarta parte dos que o fixeron por Podemos (19%).

Na Galiza Vox foi sexta forza. Fronte a enquisas que vaticinaban que lograría representación no noso país os votos deixaron os de Abascal sen cadeira no Congreso e por detrás do BNG. Obtivo 5,2% dos votos, o que vén sendo a metade que a media española de apoio a esta formación (10,3%). A circunscrición onde atinxiu mellores resultados no noso país foi Lugo, con 5,7% e onde peor, Pontevedra, onde non pasou de 4,7%.

Tampouco en Canarias Vox logrou premio. Cero escanos embora ter 6,5% dos sufraxios. En Cantabria ficou tamén Vox sen representante mais o apoio que tivo nas urnas neste territorio foi maior que a media española: 11,16%.

Os 24 deputados e deputadas que Vox sitúa no Congreso foron conseguidos en 11 comunidades autónomas. A que máis representantes deu aos da ultra dereita foi Andalucía, con 6, seguida de Madrid, con 5. Por Valencia Vox obtén 2 representantes na Cámara baixa española, os mesmos que por Castela-A Mancha e por Murcia.

Os de Abascal logran ademais unha cadeira para o Congreso por cada un destes territorios: Aragón, Castela.León, Estremadura, Illes Balears, Asturies.

Comentarios