Von der Leyen e o presidente galego ensaríllanse pola reunión cancelada

O equipo da presidenta e do mandatario difiren sobre a anulación da cita.
Alfonso Rueda e Ursula von der Leyen. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e Ursula von der Leyen. (Fotos: Europa Press)

O equipo da presidenta da Comisión europea (CE), Ursula Von der Leyen, difire co do presidente galego, Alfonso Rueda, na data na que foi comunicada a anulación da súa reunión prevista para esta segunda feira.

Von der Leyen decidiu a pasada sexta feira anular por "motivos de axenda" a reunión prevista no seu despacho en Bruxelas co presidente da Xunta; unha decisión que o equipo do Executivo comunitario desvincula do encontro que a cuarta feira mantivo a política alemá tamén na capital europea co presidente do PP español e ex presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo.

No caso de Feixoo, Von der Leyen atendeu a petición dun compañeiro da mesma familia política, apuntan desde Bruxelas, polo que se tratou dun encontro entre "compañeiros políticos".

O Goberno estatal censurou con dureza que Feixoo aproveitase esa visita para "criticar" a reforma das pensións. A cancelación do encontro con Rueda comunicouse ao equipo do presidente "a sexta feira ou a primeira hora do sábado", segundo defenderon esta segunda feira fontes comunitarias, que precisan que o encontro foi adiado sen nova data prevista.

Desde a Xunta, no entanto, defenden que o aviso da cancelación non lles foi transmitido até o domingo mediante un correo electrónico no que un membro do Gabinete da presidenta da CE trasladaba que o encontro entre ambos os mandatarios non sería posíbel.

 Respecto a esta anulación, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, considera que é unha mostra de que "non se fixeron as cousas ben" e de que "Galiza non importa". Pola súa parte, o PSdeG concluíu que Von der Leyen suspendeu a xuntanza con Rueda porque "tiña cousas máis importantes".

Comentarios