OS 5 NACIONALISTAS ALEGAN QUE AS DENUNCIAS SE BASEAN EN ATESTADOS FALSIFICADOS

“Volveriamos facer o mesmo. Non van conseguir calarnos"

Os militantes do BNG e CIG con procedementos administrativos e penais incoados polos protestos en Compostela contra a vista de Merkel compareceron xunto cunha avogada de Esculca para anunciar recursos contra unhas imputacións “inxustas e inxustificadas”.

BNG merkel 3

As denuncias contra cinco militantes do BNG e da CIG polos protestos en agosto en Compostela contra a visita oficial de Merkel teñen para o Bloque Nacionalista Galego e para Esculca, Observatorio para a defensa dos direitos e liberdades, un trasfondo: “Meter medo para que a cidadanía non se manifeste nas rúas, criminalizar calquera protesta contra as políticas do poder”, e dentro desa estratexia “buscan castigos exemplarizantes”. Así o manifestou Rubén Cela, portavoz municipal do BNG en Compostela, nunha comparecencia ante a prensa acompañado das outras catro persoas imputadas (Xabier Aboi, Paulo Carril, Afonso Losada e Paulo Carballada) e da avogada Iolanda Ferreiro.

 “O atestado policial que sustenta as denuncias non se corresponde co realmente acontecido e preséntase os agredidos como os agresores”

BNG e Esculca coinciden en enmarcar estes feitos nun escenario de ‘Lei Mordaza’ en que se criminaliza a protesta social, supón un recorte de dereitos e abre a porta a un estado policial.

Recursos e falsidades

O Bloque anunciou que presentará os recursos e todas as medidas legais posibles contra unhas imputacións “inxustas e inxustificadas”. “O atestado policial que sustenta as denuncias non se corresponde co realmente acontecido e preséntase aos agredidos como os agresores”, salientou Cela, quen considera que a actuación policial foi “desmesurada e discrecional”, ante unha protesta “simbólica e pacífica contra as políticas austericidas da Troika”. O portavoz nacionalista remitiuse ás imaxes nos medios sobre o acontecido aquel día como exemplo de que os feitos non foron como relata a policía.

 Iolanda Ferreiro subliñou que a Lei mordaza non é unha reforma legal “illada”, senón que tras os recortes sociais “agora tamén lle tocaba aos dereitos políticos”

Neste sentido, a avogada Iolanda Ferreiro salientou que coa Lei mordaza xa non será posible esgrimir esas probas gráficas. “Todo o que serviría de proba non só aos agredidos senón aos agresores como a toma de imaxes, fotografías e vídeos, vai ser unha práctica ilegal”, indicou, ao tempo que tamén denunciaba o reiterado incumprimento da normativa de identificación dos corpos e forzas de seguridade do Estado.

A Lei Mordaza, sinalou Iolanda Ferreiro, “dá cobertura legal a feitos que se viñan producindo con anterioridade, onde o principio de veracidade dos atestados das forzas de seguridade se converte en inatacable”. “Dá cabida a creación do estado policial”, asegurou.

Os cinco militantes nacionalistas imputados con estas denuncias o que se procura é “meter medo á xente” para que non se mobilice. Afirmaron, por boca de Cela, que “volvería a facer o mesmo” participando na manifestación anti Troika. “Non van conseguir calarnos e facemos un chamamento á sociedade galega para que non se deixe amedrentar e continúe contestando ás políticas do PP cando as considere inxustas”.

Paulo Carril: "Que actúe a Fiscalía"

Os cinco militantes nacionalistas enfatizaron que as denuncias presentadas pola policía contra eles se basean en "atestados policiais falsificados". Subliñaron que esta non é a primeira vez que acontece algo similar na Galiza -que a policía manipule o relato dos feitos para incriminar protestas sociais- sen que a Fiscalía teña actuado até o de agora, denunciou Paulo Carril.

Nese sentido, o secretario de Organización da CIG demandou á Fiscalía que desta vez "actúe con contundencia" perante unha actuación policial que tería conculcado os dereitos fundamentais das cinco persoas denunciadas.

Comentarios