Unha volta "recentralizadora" á Lei de Montes

BNG e AGE denuncian a "usurpación" de competencias e a "desprotección ambiental" que supón a reforma impulsada desde Madrid.

Monte

O pasado 9 de febreiro o Consello de Ministr@s aprobou o proxecto de lei de reforma da Lei de Montes. O documento prevé importantes mudanzas en materia de xestión e protección destes espazos. 

Desde os grupos parlamentares de AGE e o BNG demandaron esta sexta feira (24 de abril) na Comisión de agricultura da Cámara galega, através de senllas proposicións non de lei, o rexeitamento do goberno galego a esta nova reforma --a terceira na última década-- pola "usurpación" competencial que supón mais tamén pola merma na capacidade de protección ambiental que carrexará. 

Entre as cuestións máis salientábeis do proxecto de reforma, apuntan Tereixa Paz (BNG) e Antón Sánches (AGE), atópanse a desaparición das figuras de protección medioambiental e a promoción de novos usos para o terreo através da flexibilización lexislativa na recalificación dos terreos queimados de existires "razóns imperiosas de interese público" e a promoción de cultivos enerxéticos. 

A reforma facilita a recalificación de terreos queimados e suprime as figuras de protección medioambiental para alén dos montes de protección

Aliás, denuncian, a nova norma prevé a limitación das funcións que até o momento desenvolvían os axentes forestais, entre elas negándolles a capacidade para denunciaren delitos ambientais, competencia que recaerá só no Seprona, e circunscrivindo as súas actuacións á denuncia de infraccións administrativas. Un feito que, sinalan desde AGE, os tornará redactores de atestados e "auxiliares das forzas e corpos de seguridade do Estado". 

Neste senso, ambos os dous grupos parlamentares instaron o Parlamento a se amosar contrario á reforma e a instar a Xunta a manifestar este rexeitamento a Madrid. Porén, o Partido Popular opúxose. 

Desde a forza que apoia o goberno --na Galiza e en Madrid-- a "interpretación" que a oposición fai do articulado do proxecto non se corresponde coa realidade e nega que se produza unha "invasión de competencias". Ao contrario, din, o que recolle é un "reforzo" competencial. 

No entanto, desde o Bloque advirten que as medidas recollidas na reforma lexislativa esa "usurpación" reflíctese "en cuestióhs como a capacidade dos órganos das comunidades autónomas para definir títulos posesorios; a capacidade de declarar figuras de protección de montes, instrumentos de xestión, montes de titularidade pública e crear rexistros de montes protectores". "Baixo o eufemismo de "coordenar" expropianos competencias en materia de caza e pesca continental, entre outras moitas cuestión", denuncian. 

Comentarios