A voda do Borbón vale para agachar o asunto Paula Prado

O uso oportunista do aniversario de voda de Felipe Borbón dálle moito xogo á imprensa sistémica. E, claro, ao noso espía na campaña isto non lle pasa inadvertido.

kiosokostgo
photo_camera kiosokostgo


Ninguén vai dubidar da importancia dos aniversarios, pero na súa xusta medida. O que ocorre é que desviar a atención, sobre todo nos sectores cidadás que máis sofren a crise, é obxectivo total da campaña das formacións sistémicas, que sempre atopan axuda para este traballo na prensa masiva, que a catro días duns comicios de enorme importancia prefiren centrar a súa axenda na lembranza... dunha voda.

Certo que en Galiza os escandalos do PP son de tanto alcance que resulta inviábel sequera imaxinar que Paula Prado -a número 3 de Feijóo- non ocupase as capas (mais no Correo aparece moi, moi diluído). Pero nos xornais estatais -en todos, coincidencia non é- do que falan é da Casa Real española, porque o Borbón herdeiro casou hai dez anos cunha xornalista, e iso parece que algo fundamental nas nosas vidas.

Volvamos á famosa comparación con Corea do Norte, xa utilizada aquí hai uns días. Nos medios sempre atoparán denuncias sobre como alí adoutrinan a rapazada no amor ao líder nacional, pola contra, que exactamente iso sexa o que se fai no estado español con El-Rei, nin palabra. Non atoparán na prensa críticas a eses concursos que levan a cativ@s á Zarzuela porque fixeron un debuxo que retrataba a Juan Carlos I como Supermán. O mesmo en Corea do Norte... xa saben.

E iso aparece nuns periódicos que no momento decisivo dunha campaña prefiren dedicar o seu espazo a dicir o marabilloso que é o Príncipe e o gran acerto do seu casamento. Nese ton. Cortesán até a repugnacia. Pura idade media.
 

Comentarios