Seis voces da literatura galega achegan argumentos a prol da unidade

Seis nomes da literatura galega enviaron a Sermos un artigo para enriquecer o debate público sobre a unidade con vistas ás eleccións xerais. Está asinado por Manuel Forcadela, Marga do Val, Miguel Anxo Fernán Vello, Rexina Vega, Vítor Vaqueiro e Xosé María Álvarez Cáccamo.

Quintana ateigada Día da Patria Galega
photo_camera Quintana ateigada no Día da Patria Galega

Sobre Bertolt Brecht, a unidade e un grupo parlamentario galego

Afirmaba Caballero Bonald, alicerzando as súas palabras en Bertolt Brecht, que cando son maus tempos para a sociedade e as persoas desfavorecidas, son bons tempos para a lírica e o feito literario, ao que se podería engadir que tamén son bos tempos para quen máis posúe. Paralelamente podemos nós dicir que canto máis se nos acosa, canto máis se pon en dúbida a nosa capacidade de reacción, mais perto estamos de conseguir o que ás veces semellaba difícil e outras imposíbel.

Porque, na conxuntura presente, mergullado o noso país nunha crise que ameaza estragar os nosos recursos económicos, esnaquizar o noso sistema cultural, conseguir que as persoas desfavorecidas o sexan cada día con maior intensidade, parece chegado o momento de que a unidade popular en torno a un obxectivo común se manifeste con maior claridade. Como nos grandes momentos da nosa historia recente —o caso de Nunca Máis sempre na lembranza— a unión en torno a obxectivos horizontais e favorecedores da maioria social da poboación galega, a necesidade de mobilización común, radicalmente democrática, é  real e necesaria.

"Un grupo parlamentar, galego e soberano, que finque as súas raíces na Galiza e que, como no coñecido exemplo posto por Castelao, non sexa muxido en Madrid"

Esa mobilización coordenada debe ter dúas faces: a primeira estaría representada, por collermos imaxes destes días, nos tractores que, por millares, ateigan as estradas e rúas do noso país, reivindicando uns prezos para o leite que non sexan estritamente miserentos; outra, o impulso unitario loitando para conseguirmos un grupo parlamentar galego. Ao dicermos galego, como no poema de Celso Emilio Ferreiro —digo Vietnam e xa está dito todo—, achamos que están as cousas avondo enunciadas. Porque ese grupo parlamentar só terá sentido, só será un grupo verdadeiramente galego, noso, se os seus obxectivos sintonizan, nas institucións do Estado, coa mobilización da xente, esa xente que hai poucos días se manifestaba en decenas de millares de persoas polas rúas de Vigo. Dito noutras palavras: actuando sobre o eixo social. Ademais, un grupo galego só será aquel que combata sobre outro eixo ben determinado: o nacional, ou sexa, aquel que coloque, insobornabelmente, o noso dereito, como pobo, a decidir sobre todo aquilo que nos atinxe, que sitúe Galiza como suxeito político. Un grupo parlamentar, galego e soberano, que finque as súas raíces na Galiza e que, como no coñecido exemplo posto por Castelao, non sexa muxido en Madrid. E, para que tal cousa aconteza, é precisa a unión, afastando as pequenas diferenzas e centrándonos nas grandes converxencias, porque entra no territorio do probábel que o novo parlamento español presencie o confronto do Estado centralista coas lexítimas aspiracións dos pobos catalán e basco. E a nosa Terra ten de estar presente nese confronto para que non ocorra o que historicamente ten acontecido. Tamén, para nós, agora é a hora.

Este artigo está asinado conxuntamente por Manuel Forcadela, escritor; Marga do Val, escritora; Miguel Anxo Fernán Vello, escritor; Rexina Vega, escritora; Vítor Vaqueiro, escritor;
Xosé María Álvarez Cáccamo, escritor.

Fe de grallas. Por erro, inicialmente intitulouse a información dando conta de cinco voces. Porén, foi corrixida para recoller as 6 persoas que asinan, de maneira conxunta, o artigo. 

Comentarios