A voceira do Concello de Santiago mantense nos seus trece: a imputación de 7 edís ''é unha persecución política''

María Pardo declinou rectificar as súas palabras malia as críticas que lle choveron desde os grupos municipais da oposición (Bloque e PSdG) e desde a Xunta de xuizas e xuices de Compostela, que interpretaron as declaracións como un exemplo de "pouco respecto polo principio da división de poderes".

mariapardo
photo_camera [Imaxe: Concello de Santiago]


"Unha persecución política clara". Foi a explicación que deu María Pardo, voceira do Concello de Santiago, após coñecer a imputación de si propia e doutr@s seis edís do PP por un delito de prevaricación ao teren decidido pagar con diñeiro público a defensa legal do seu compañeiro de filas, Adrián Varela, concelleiro de Deportes imputado na operación Pokemon.

Tamén dixo Pardo que a "má imaxe" non a está a dar o executivo municipal --que ten imputad@s 10 de 13 integrantes, incluído o alcalde--, senón "outros órganos xurisdicionais", en referencia ao xulgado de instrución nº1 e á súa titular, a xuiza Ana López-Suevos. 

E acrecentou a conservadora que "que todo vaia pola vía penal no xulgado de instrución nº1 contra o PP dá que pensar; a xente non é parva e ve como esta situación reforza o goberno e como se xoga á política desde todas as frontes".

As declaracións de María Pardo, cuestionando ás claras a imparcialidade de López-Suevos, espertou as críticas das dúas forzas da oposición municipal --Bloque e PSdG-- e da Xunta de xuizas e xuices de Santiago. Esta última emitiu un comunicado en que considerou as palabras da conservadora "na esfera do insulto e da descualificación", subliñando que "descualificar un xuíz porque non se partilla o seu criterio demostra moi pouco respecto polo principio da división de poderes".

''Vergoña'' allea nas bancadas de Bloque e PSdG

Desde as filas nacionalistas e socialistas hai un sentimento que resome as valoracións dos seus voceiros muncipais: "vergoña". Así, Rubén Cela (BNG) enfatizou que as declaracións de Pardo son "máis unha mostra da maneira de proceder do PP, botando balóns fóra e sen asumir responsabilidades políticas polos seus feitos".

Manifestouse así nunha acción reivindicativa realizada esta quinta feira diante do Concello en que o grupo municipal frontista reclamou "a disolución" do goberno local e a convocatoria de eleccións pois é esta, dixo Cela, "a única vía que lles queda".

Aliás, o nacionalista recalcou que "a cidadanía" de Compostela "sente vergoña" do goberno que lidera Ángel Currás --imputado na operación Pokemon tamén--. Ao fío, Rubén Cela exixiu, dunha banda, unha "rectificación formal" das palabras de María Pardo e, doutra banda, "a opinión" que ao PPdG lle merecen tales declaracións.

"Vergoña" foi tamén o que dixo que sentira o voceiro do grupo municipal do PSdG, Francisco Reyes, ao ler o comunicado da Xunta de xuízas e xuíces. Rexeitou unhas palabras que considerou "inxustificadas" e pediu "perdón polo espectáculo lamentábel" que, ao seu xuízo, está a dar o executivo local compostelán.

Comentarios