SABELA IGREJAS, COMISIóN DO 'BLOQUE INDEPENDENTISTA' PARA O 25X

"Vivimos nun país cuxa viabilidade estratéxica é crítica e iso chama á unidade de acción"

Entrevistamos Sabela Igrejas, veciña da parroquia de Cabral (Vigo), activista histórica do movemento ecoloxista, ligada á solidaridade antirrepresiva e membro da comisión promotora da campaña 'Pola rutura democrática. Pola independência nacional' do 25 de xullo.

Sabela Igrejas2

- Por primeira vez parece que vai haber unha mobilización unitaria no Día da Pátria, proposta que se puxo sobre a mesa desde o espazo do independentismo xa o ano pasado e se reiterou neste. Que se procuraba con ese convivio a unha mobilización unitaria?

- En primeiro lugar, hai que dicir que cando facemos esta entrevista o formato e a convocatoria final do 25 non estám aínda resoltos e que a converxencia de organizacións políticas, sociais, sindicais e “personalidades” no deseño final fai que todo aínda estexa moi aberto. No entanto, nós desexamos, como desde que fixemos a proposta o 30 de maio, que se materialice unha convocatoria baixo os eixos da auto-organización deste pobo, a rutura democrática e a soberanía política, e fiel á nosa historia de loita. Quero recordar que se celebramos o Día da Patria llo debemos ás mulleres e os homes que desde a clandestinidade e frente á represión máis brutal brigaron para que iso, hoxe, fose posíbel. Debémonos a esta historia.

"É necesario que todo o nacionalismo se resitue e estexa á altura do momento histórico e das súas necesidades"

Respecto ao que se procuraba coa proposta, hai tres cuestións básicas para explicala: por unha parte, a situación de emerxencia nacional, que é obvia desde calquer parámetro que se analise. Vivimos nun país cuxa viabilidade estratéxica está nun punto crítico e iso, con bo sentido, chama á unidade de acción cotiá como pobo baixo obxectivos programáticos claros e a unha saudábel relativización da centralidade do espazo institucional. A celebración conxunta do dia nacional é insuficiente, pero apunta un camiño no que profundizar do mesmo modo que se debería facer na mocidade.

Por outra parte, nestes momentos existe un intenso fogo de artillería sobre as posicións ideolóxicas e políticas independentistas, que trata de desvalorizar ou folclorizar a reivindicación nacional, que ten complicidades autóctonas e pretende pechar o camiño á única vía real de rutura: o exercicio do dereito de autodeterminación e a independencia. Esta ofensiva conta con apoios no rexime e debe ser contestada e desmontada.

"Hoxe, neste país, está por construir un proxecto político e unha estratexia independentista explícita superadora da sostida por pequenas organizacións"

Finalmente, por último, o rexime de 1978 avanza cara unha reformulación na que a vella disxuntiva entre reforma e ruptura recobra vixencia. Ese debate debe darse en profundidade e con todas as consecuencias no campo soberanista: se nengún rexime colonial pode resolver os problemas crónicos do noso pobo, se a “vía estatutaria” está morta, as conclusións independentistas son obvias. É necesario que todo o nacionalismo se resitue e estexa á altura do momento histórico e das súas necesidades. As unidades de acción entre correntes patrióticas axudarán a afondar nesta reflexión e evidenciar que a batalla da soberanía ou a gañamos sobre o terreno, no país, ou nengunha correlación de forzas nas instancias institucionais alleas terá a capacidade para facelo.

- O novo escenario de mobilización conxunta que se vai dar este 25X leva a apostar por un 'bloco independentista'. En base a que criterios e cal é a mensaxe que se quer trasladar ou transmitir?

- É boa pregunta. Se mo permites quixera estenderme nela. En primeiro lugar, gostaría de explicar o que non é: é evidente que haberá persoas que se consideran independentistas ao longo de toda a mobilización do Día da Patria, á marxe da súa filiación ou non filiación política e de que respondan a estratexias que, desde a nosa óptica, non son independentistas. Neste sentido, quen lanzamos a proposta nin temos ningún “copyright” nin repartimos “certificados de garantía” ou de “calidade”. Isto debe ficar claro.

"A única vía posíbel para o proxecto nacional galego é a independencia. España pechou as portas ás posicións conciliadoras que existían e aínda existen no campo nacionalista"

Dito isto, cal é a razón para chamar á conformación dun bloque independentista diferenciado este 25 de xullo? Nós entendemos que, hoxe, neste país, está por construir un proxecto político e unha estratexia independentista explícita superadora da sostida por pequenas organizacións. O xiro soberanista do BNG, con ser moi positivo e recuperar reivindicacións e prácticas que se sacrificaran no altar do institucionalismo, demonstra aínda contradicións internas e inercias importantes ao meu modo de ver, como é a hipervaloración da presenza institucional, o dobre discurso, a eterna supeditación da perspectiva estratéxica aos obxectivos tácticos electorais, a ausencia dunha estratexia independentista identificábel a pesar de se admitir o esgotamento da vía estatutaria e a existencia dun teito de ferro constitucional, a falta de disposición a desenvolver unha pedagoxía independentista de masas desacomplexada á altura da gravidade do momento, o respecto do marco legal español, etc. Desexaríamos que se superasen estas auto-limitaçons, que son as que empurran a moitas independentistas a consideraren que o BNG non se situará realmente nestas posicións e que o seu xiro carece do imprescindíbel calado estratéxico e ten un carácter máis táctico ou de oportunidade.

- Colocades a independencia nacional no primeiro plano máis é evidente que hoxe non hai condicións para a sua materialización inmediata. Cal é o por que deste aparente “maximalismo”?

- A vía estatutaria na que algúns e algunhas soñaron no pasado, e aínda soñan hoxe, cando falan de “autogoberno” ou “novo sistema fiscal”, está morta e carece de desenvolvemento posíbel. O marco xurídico-político demostrouse irreformábel nun sentido favorábel ás nacións sen estado. Véxase o caso catalán. Sendo coerentes con estas visións, que son compartilladas formalmente por todas as forzas nacionalistas, e polo groso da militancia de base, hoxe, a única vía posíbel para o proxecto nacional galego é a independencia, termos un estado galego en mans da maioría social. España pechou as portas ás posicións conciliadoras que existían e aínda existen no campo nacionalista. Cumpre pois superar ambigüidades e complexos e afirmar e socializar o proxecto estratéxico: romper amarras con España, como única saída á emerxencia social crónica á que nos condena a dependencia. O actual nivel de conciencia nacional do pobo galego non pode ser a coartada para timoratismos, senón a razón para falar con absoluta claridade. Pensar que unha posición política que nunca se formula abertamente gañe á maioría social é unha fición.

"Convocáronse 15 asembleas comarcais, rachouse a dimensión exclusivamente urbana da campaña e hai pequenos grupos en vilas que contactaron con nós para difundir a convocatoria sen celebraren reunións"

- Como perspectivades ese proceso independentista?

- A grandes trazos o avance cara a independencia pasa na miña opinión por un proceso colectivo no que interveñen distintos elementos. Penso que a auto-organización e o empoderamento como pobo, a construción de poder popular fáctico con capacidade de condicionamento cotián frente aos poderes hexemónicos, a expansión da conciencia nacional e da reivindicación independentista como alternativa á degradación das condicións de existencia, etc. son factores vitais.

Desde xa, coa modestia que nos impón o contexto, debemos comezar dar pasos unilaterais e crear as condicións obxectivas e subxectivas necesarias. Neste sentido, a meio e longo prazo, a unilateralidade e o conflito político co Estado son inevitábeis se o proceso é real e avanza. España nunca deixará marchar de bon grado á galiña dos ovos de ouro.

"É preocupante ter que recordar a estas alturas que as vellas e novas forzas políticas e sindicais españolas foron historicamente e son hoxe contrarias á construción nacional deste paíse que venderon a clase traballadora galega coa política de pactos sociais"

- Estanse a realizar asembleas preparatorias nun bo número de comarcas do país. Como están a decorrer? Que valoración facedes do que se está a expresar nas mesmas?

- A resposta que obtivemos foi moi satisfactoria, con alta participación, e superou as nosas expectativas. Penso que isto se debeu, en parte, a un formato da convocatoria digamos que “xeneroso”, que puxo nun primeiro plano as ideas forza –rutura e independencia- que partilla moita xente por riba da afirmación de proxectos partidarios. Convocáronse 15 asembleas comarcais, rachouse a dimensión exclusivamente urbana da campaña e hai pequenos grupos em vilas que contactaron con nós para difundir a convocatoria sen celebraren reunións. Por último, a “mestizaxe” e a construción de confianza que se produce nestas asembleas é un valioso activo para o futuro que a ninguén se lle escapa.

- Unha das decisións dos promotores deste 'cortexo independentista' é que sexa unha mobilización sen siglas nin símbolos partidarios. Por que?

- O obxectivo político do cortexo independentista non é reafirmar lexítimos proxectos políticos xa constituidos, senón demostrar a forza e a proxección de futuro dun movemento sociopolítico como o independentismo ruturista nun momento de crise do rexime e explicitar que, máis alá das apostas reformistas hoxe vemos hexemónicas no campo nacionalista, existe unha posición ruturista, que entende que o rexime é irreformábel, que o colonialismo é insuperábel con reformas constitucionais e que conta cun apoio social desestruturado, mais considerábel, crecente e en auxe na mocidade. Nun momento como o actual, valoramos que é máis importante por sobre a mesa e contrastar posicións, proxectos e estratexias políticas que exibir “siglas” e esta pequena “renuncia” facilitará o carácter aglutinador da convocatória e contribuirá a esa demostración que persegue o bloco independentista.

"A celebración conxunta do dia nacional é insuficiente, pero apunta un camiño no que profundizar do mesmo modo que se debería facer na mocidade"

- Hai voces que piden unha 'reflexión' e apontan á posibilidade dun 25X no que o contido 'nacionalista' mingüe para acadar unha convocatoria 'nacional' máis ampla e que permita que se sumen forzas de ámbito estatal formalmente partidarias do dereito a decidir. Que opinades?

- É un vello debate que pretende pasar por novo. O desenvolvemento do proxecto nacional galego, e o Día da Pátria, como expresión simbólica desta vontade colectiva, non se poden supeditar aos bandazos das conxunturas e intereses electorais. É preocupante ter que recordar a estas alturas que as vellas e novas forzas políticas e sindicais españolas foron historicamente e son hoxe contrarias á construción nacional deste país e ao exercicio do dereito de autodeterminación, que dicíndose “de esquerdas” venderon sistematicamente á clase traballadora galega coa política de pactos sociais e que o seu aparente apoio a un abstracto “dereito a decidir” é apenas postural e carece de práctica que o verifique. Son quen decidiron reducir a luita independentista a unha cuestión identitaria e tirarlle arbitrariamente o seu papel chave na mudanza do modelo económico e político quen deberían reflexionar e explicar cara onde camiñan realmente e por que consideran “aliados” a quen sustentaron e sustentan o rexime atual. Se o obxectivo é participar na reforma constitucional e procurar o “encaixe cómodo” de Galiza en España, presentar isto cunha retórica ruturista é unha auténtica fraude ao noso pobo.

- Pode saír deste 'bloque independentista' un primeiro paso para traballar nunha liña de procurar a unidade organizativa do independentismo, máxime nuns momentos nos que este espazo está en reformulación e reconfiguración?

- Penso que é pronto aínda para expresar certezas sobre esta cuestión. Un 25 de xullo non vai resolver nun día interrogantes permanentemente abertas. De 40 anos de historia independentista contemporánea e, sobre todo, da nosa historia recente, tíranse na miña opinión moitas conclusións. Unha, importante, é que a construción do proxecto político non se debería conceber como “sumatorio” ou “fusión” de siglas preexistentes, senón como unha construción sobre bases concretas, cunha sintonía clara entre discurso e práctica, evitando as posicións ideoloxistas e sectarias, gañando dentro e fora a confianza con feitos como intentamos facer agora, etc. A convocatoria do bloque independentista é un pequeno grande chanzo nesta dirección e a “mestizaxe” que se está a producir estas semanas nas asembleas comarcais apunta ao futuro. Con prudencia, preferimos manter unha ollada de longo alcance pero dar pasos curtos e firmes.

Comentarios