O vindeiro Goberno galego, en mans das e dos indecisos

Os datos ofrecidos pola última enquisa do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) veñen confirmar algunhas das tendencias xa sinaladas nas sondaxes internas das formacións políticas que concorren aos comicios de 12 de xullo.
2020061823573310622
photo_camera 25,6% da poboación non decidiu o voto.

Por unha banda, hai un Partido Popular forte, que concentra a totalidade do voto da dereita, sen marxe para medrar e practicamente empatado co bloque da esquerda. A outra banda están as forzas que aspiran a conformar unha maioría alternativa a Núñez Feixoo con posibilidades certas de conseguir o seu obxectivo, cun progresivo crecemento en intención de voto nas últimas semanas e cunha disputa entre o Bloque Nacionalista Galego e o Partido Socialista por ver quen lidera o Goberno do cambio.

A sondaxe do CIS certifica que calquera escenario electoral é posíbel. Así, nun contexto tan axustado, cun empate técnico entre os dous bloques, onde o tripartito de esquerdas supera en voto máis simpatía o Partido Popular, o resultado final vai depender da capacidade que cada unha das partes teña en mobilizar a súa base social. Neste sentido, explícase o interese dos populares en presentarse como gañadores por maioría absoluta, coa intención de mobilizar o seu electorado, desmobilizar o que non lles é propicio e influír no sentido do voto dos indecisos.

As forzas alternativas ao Partido Popular son as que máis perden coa abstención. Segundo os datos recollidos na enquisa do CIS, o electorado máis mobilizado é o da dereita, concentrándose os comportamentos máis abstencionistas entre a poboación máis nova, precisamente aquela que opta de maneira máis decidida pola esquerda e o nacionalismo, até concentrar o BNG 42,3% dos votos dos menores de 25 anos. Outro tanto acontece coas clases traballadoras, tamén proclives á esquerda, situándose as porcentaxes máis altas da abstención entre as franxas que o CIS define como “clase baixa”, con 16%, e da “clase media baixa”, con 12,7%.

25,6% daquelas galegas e galegos que declaran a súa intención de acudir ás urnas o 12 de xullo aínda non teñen decido o seu voto. Se ben este é un fenómeno común aos últimos procesos electorais, onde os resultados finais se deciden nos días previos á votación, nesta ocasión a campaña vai ser máis importante que as anteriores dado o alto número de electoras e electores indecisos. Así as cousas, o debate electoral nas pantallas da TVG entre as distintas candidaturas á Presidencia da Xunta da Galiza vai ser decisivo.

Comentarios