Villarino leva á xustiza a modificación de 62 millóns de euros no crédito municipal de Ourense

O PSdeG rexeitou acudir á reunión á que fora convocado polo alcalde de Ourense para abordar a modificación de crédito municipal por 62 millóns, unha medida que os socialistas recorrerán pola vía xudicial.

Rafael Villarino conservará a acta de edil en Ourense. (Foto: PSOE)
photo_camera O portavoz do PSdeG en Ourense, Rafael Villarino (Foto: Nós Diario).

O portavoz municipal do PSdeG en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, rexeitou acudir á reunión á que fora convocado para esta cuarta feira, 1 de setembro, poloo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome (Democracia Ourensá), para abordar a modificación de crédito municipal por 62 millóns, unha medida que os socialistas recorrerán pola vía xudicial.

Villarino explicou que presentou por rexistro un comunicado no que explica ao alcalde que non acudirá a "ningunha reunión individual" para abordar un asunto de "tanta relevancia" para a cidade.

"Non compartimos esta forma de actuar, somos un partido demócrata que entende que este tipo de asuntos deben de tratarse na xunta de portavoces e non pola porta de atrás", incidiu.

Ademais, considerou que "sería unha falta de respecto" reunirse con Jácome, xa que este se dirixe "de forma pouco respectuosa á cidadanía".  

"Ourense non merece isto", incidiu o socialista, que emprazou os populares a tomar posicións e aclarar "se son participes destas reunións a soas" e de "tratar estes asuntos fóra da xunta de portavoces".

Candidatura en Ourense ao congreso do PSOE

Noutra orde, Villarino apelou á "integración" na configuración de listas de delegados por Ourense para o Congreso Federal do PSOE e avanzou que o partido "contactará" coa ex deputada Noela Blanco, que desvelou a través das redes a súa intención de presentar candidatura para encabezar esta delegación. Villarino explicou que o partido preguntará a Blanco "se está disposta a facer unha integración nun proxecto colectivo". 

Blanco deixou de ser deputada en 2020 ao non ser elixida para formar as candidatura do PSdeG ás eleccións galegas do  pasado ano e perdeu en 2017 as primarias á secretaría provincial ourensá fronte a Villarino, próximo a Caballero.

Comentarios