Villares tende a man a Podemos: "Temos prioridades, pero somos capaces de chegar a acordos"

Nunha entrevista, o líder de En Marea tendeu a man a Podemos para traballar nunha candidatura de coalición de cara as eleccións galegas. Villares resaltou a necesidade de chegar a acordos para configurar unha alternativa ao PP na Galiza e abriu a porta a diluír o partido que lidera nesa hipotética candidatura, sempre que se respecten os seus principios programáticos.
O voceiro de En Marea, Luís Villares (Imaxe: Álvaro Ballesteros- Europa Press).
photo_camera O voceiro de En Marea, Luís Villares (Imaxe: Álvaro Ballesteros- Europa Press).

O voceiro de En Marea, Luís Villares, estendeu hoxe unha oferta de diálogo a Podemos Galicia, no camiño a configurar unha candidatura unitaria para as eleccións galegas. Fíxoo durante a unha entrevista a Europa Press, na que engadiu que está disposto a dar un paso a un lado se así se "crean as condicións" para articular unha "alternativa" ao PP "con posibilidades de éxito".

"Estamos en disposición de falar con espazos políticos cos que tivemos situacións dolorosas no pasado", avanzou o líder de En Marea, "penso que non se nos pode pedir máis". O voceiro do partido tamén se amosou partidario de diluír as súas siglas nunha hipotética candidatura unitaria, sempre que se respecten os seus principios programáticos. "Temos prioridades, pero somos capaces de chegar a acordos", afirmou.

“Temos prioridades, pero somos capaces de chegar a acordos”, afirmou Villares

O voceiro do Grupo Mixto no Parlamento da Galiza define o proxecto de En Marea como "máis social" que o do PSOE e cunha concepción da nación galega "moito máis ampla" que o do BNG. Para Villares, xa sexa en solitario ou nunha candidatura máis ampla, En Marea "merece ser testado nas urnas". O xuíz en excedencia asegurou que unha alternativa ao PP na Galiza pasa pola pluralidade e o entendemento das forzas do centro esquerda, "antes o despois" das eleccións.

"Gustaríame que non se desperdiciase ningún voto e que sexamos eficientes procurando alianzas que nos interesan a todas, iso é algo que no panorama político non todo o mundo está entendendo", destacou o líder político. Así, Villares amósase disposto a falar con "todo o mundo, por suposto tamén con Podemos", aínda que puntualiza a necesidade de cambios no "modo de relacionarse", pois "no pasado" a comunicación "non funcionou".

"Gustaríame que non se desperdiciase ningún voto", sinalou o voceiro de En Marea

O líder de En Marea tamén abriu a porta a posibilidade de facerse a un lado como candidato ás eleccións, matizando que esta decisión dependerá en última instancia do Consello das Mareas, o órgano de dirección do partido e das súas bases. "Estarei onde me queiran colocar as militantes de En Marea, onde poda ser máis útil ao proxecto político", afirmou.

En Marea non é a única forza que estuda as posibilidades dunha candidatura de coalición. O ex alcalde de Compostela, Martiño Noriega, é o encargado de pilotar as negociacións para a integración de Anova de cara ás galegas. Cuestionado pola súa relación con Noriega, Villares afirma que a súa relación "é pouca, pero cordial", ao tempo que sinala que tanto Anova como En Marea manteñen contactos e recoñécense como “interlocutores políticos”.

"Non é a pulsión de En Marea desaparecer como tal", avanzou Villares

Preguntado polo BNG, o maxistrado en funcións descartou unha integración na formación. "Non é a pulsión de En Marea desaparecer como tal, sempre dixen que nesta nova etapa eramos partidarios de formular alianzas electorais, pero non de disolvernos organicamente", afirmou o líder da formación. Villares non descarta, iso si, alcanzar acordos coas nacionalistas "sen ter que asumir o seu ideario nin integrarse na súa estrutura interna".

Escaño de Manuel Lago

Cuestionado pola marcha de Manuel Lago do Parlamento da Galiza, e pola posibilidade da entrada de Mariló Candedo, integrante de En Marea, Villares defendeu que "aa normalidad democrática en cualquera país", pasa polo "corremento de listas". O líder da formación avanzou que, de integrarse Candedo no Parlamento polo Grupo Mixto, solicitará aos servizos xurídicos que "interpreten" o regulamento e recoñezan a En Marea a condición de grupo parlamentario.

 

Comentarios