Villares retruca a Monedero: “Podemos vai quedar en En Marea porque esa foi a decisión política”

O discurso mantra de Luís Villares xa en campaña e tamén nos últimos días é que En Marea é unha organización política con personalidade propia, un partido, e que veu para ficar.

Captura de pantalla 2016-09-28 11.47.10
photo_camera Luís Villares

Nunha entrevista esta terza feira na TVG, Luís Villares saíu ao paso das declaracións realizadas por Juan Carlos Monedero, cofundador de Podemos, en relación aos resultados do 25S. O politólogo, mentor de Pablo Iglesias, declarou que ao partido morado lle tería ido mellor eleitoralmente de non se ter integrado en En Marea.

“Podemos vai quedar en En Marea porque esa foi a decisión política e, desde logo, En Marea como partido político ten moito futuro neste país”, dixo a ese respeito Villares. Na súa opinión, En Marea é “a mellor ferramenta para dar resposta ás necesidades do noso país”. “A decisión [a de se converter en partido instrumental] estivo ben tomada e se vai ver no meio prazo”, engadiu, ao tempo que se referiu ás “relacións fraternais” que mantén En Marea con Podemos, formación coa que dixo partillar moitos “valores”.

A decisión de integración de Podemos na Marea á que se refere Villares quen a tomou foi Pablo Iglesias, o líder do partido no Estado

A decisión á que se refere Villares quen a tomou foi Pablo Iglesias, o líder do partido no Estado, quen impuxo á organización galega a súa integración no partido instrumental cando a dirección da marca morada na Galiza, comandada por Carmen Santos, prefería a opción da coligazón.

Villares tamén entrou a valorar o descenso eleitoral de En Marea nas cidades que está a gobernar este momento, o triángulo Santiago-A Coruña-Ferrol. “En Marea toma nota [dos resultados]. Desexaríamos unha maior estabilidade. Depende de nós e tamén do PSOE”, afirmou. Ao seu xuízo, a posición do partido socialista está moi condicionada polo seu debate interno. Explicou nese sentido que a reticencia do PSOE a entrar a facer parte dos gobernos municipais se debe ao seu medo a se ver “desdebuxado” e a perder “espazo político”.

Comentarios