Villares pídelle a Beiras que se centre en "ilusionar a cidadanía con alternativas ao PP"

Esta fin de semana, Xosé Manuel Beiras, referente histórico de Anova, respaldou a proposta dun Martiño Noriega que pretende renovar a dirección de En Marea xa no plenario de setembro. O veterano dirixente deslizou que a dirección do partido instrumental non entende ben a autonomía das organizacións locais. Villares saíulle ao paso esta segunda feira.

34075979216_3c998a32d2_k
photo_camera Villares, durante unha comparecencia perante os medios

Continúan os tirapuxas verbais no seo da confluencia cando o curso político enfila o sprint final, por volta do Día da Patria Galega. Emerxen as diferenzas tácticas a respecto do proxecto e a respecto tamén das persoas que o teñen que dirixir.

Este sábado, Anova realizou unha reunión da súa Coordenadora Nacional e escenificou con clareza o seu apoio á proposta formulada por Compostela Aberta en relación ao futuro de En Marea, iniciativa desbotada por "aristocrática" pola dirección do partido instrumental.

Non perderon a oportunidade nen Antón Sánchez —portavoz nacional de Anova— nen Xosé Manuel Beiras —o seu grande activo político e simbólico— á hora de se pronunciar a prol das teses de Martiño Noriega —visto nos sectores da oposición interna como candidato alternativo a Villares para as galegas de 2020—e, portanto, contra os criterios do ex xuíz de Lugo.

Beiras focou a súa principal crítica nas "inxerencias" no ámbito da política municipal nas que ao seu xuízo estaría a incorrer o aparato central de En Marea, co episodio da participación de persoas próximas a Villares na apresentación da candidatura Marea de Ferrol, herdeira da Marea Ártabra que en 2015 ficou ás portas de entrar no concello da cidade departamental após un desencontro con Ferrol en Común.

Pois ben, Villares non ficou calado e esta segunda feira pasou a un medido contra-ataque. Interpelado polos medios a respecto das declaracións de Beiras, lamentou que o referente histórico de Anova non utilice o seu espazo no debate público para fins distintos aos da controversia interna: destarte, pediulle a el e ao "resto dos líderes sociais" que aproveiten "as súas intervencións [públicas] para "propor solucións e para ilusionar a cidadanía con alternativas ao PP".

"Os nosos representantes públicos e líderes sociais do espazo de En Marea deben aproveitar as súas intervencións para propor solucións aos problemas do país e para ilusionar a cidadanía con alternativas ao PP. Niso debemos centrar o noso discurso público", aseverou nun claro reproche a Sánchez e Beiras.

Villares voltou a apelar aos argumentos que levan a dirección de En Marea a desconsiderar a proposta de Martiño Noriega a favor da criación dunha Mesa da Confluencia. En síntese, a cúpula do partido instrumental entende que a iniciativa do líder de Compostela Aberta resultaría, de se pór en práctica, nun "paso atrás" ao representar un retorno a fórmulas xa ensaiadas no pasado como a coalición de partidos, un esquema de funcionamente que privilexia a dinámica dos grupos organizados e marxina a militancia de a pé, entende a corrente villarista.

Comentarios