O Parlamento após o 26M

Villares rematará a lexislatura e Caballero chega ao Parlamento

Após os resultados electorais do 26M Luís Villares despexou dúbidas sobre o seu futuro e comprometeuse a continuar como deputado de En Marea até o final da lexislatura. Mentres, Gonzalo Caballero chega ao Parlamento Galego para presidir o grupo do de deputadas e deputados do PSdeG.

Parlamento da Galiza
photo_camera Parlamento da Galiza

O compromiso adquirido polo portavoz de En Marea é rematar a lexislatura como deputado do Parlamento Galego, tal e como afirmou esta sexta feira o propio Luís Villares, quen descartou así dimitir após os malos resultados das eleccións xerais, as municipais e europeas

"o meu compromiso é até o final da lexislatura", explicitou Villares

Non abandonará tampouco o escano durante o tempo que queda até a celebración dos comicios galegos (outono 2020). "O meu compromiso transcende a cidadanía que confiou en nós, e o meu compromiso é até o final da lexislatura", explicitou Villares nunha entrevista na televisión galega.Lamentou o xuíz en excedencia que a súa formación foi "colocada nun discurso de Podemos no que non quería estar", porque En Marea quería “formular políticas en positivo, sen enfados" e cun ton "máis amábel" ao contrario do que acontece no partido liderado por Pablo Iglesias.

En Marea quería “formular políticas en positivo, sen enfados" e cun ton "máis amábel" ao contrario do que acontece en Podemos, afirmou Villares

Así, Villares asegurou que “as teses impostas" por Iglesias desde que venceu a Errejón no congreso de Vistalegre II provocaron un repregamento en Podemos e fixo que non se optase por "tentar estenderse a todo o ámbito progresista".

Sobre a situación interna do grupo parlamentario, Villares asegurou carecer “dunha bola de cristal” para adiviñar que acontecerá e se o grupo se manterá unido até a fin da lexislatura.

Villares asegurou carecer “dunha bola de cristal” para adiviñar que acontecerá e se o grupo se manterá unido até a fin da lexislatura

De feito, as e os parlamentarios de En Marea están inmersas nun novo conflito con motivo da designación da persoa que se incorporará como senadora desta formación á cámara alta do Estado. A En Marea de Luís Villares propuxo a Mariló Candedo, mais o seu nome non gosta á maioría das e dos deputados de En Marea, que pertencen a Podemos, Esquerda Unida e Anova, xa que a ven como unha “proposta dunha parte”.

Con todo, Villares defende que debe ser a dirección política da organización En Marea e non o grupo parlamentario quen propoña, en virtude da aplicación do resultado das primarias, a persoa que se converta en senadora porque así o estabelecen "as normas" do partido instrumental. Podemos, EU e Anova optan porque sexa o grupo parlamentario quen acorde esta decisión, xa que a dirección da formación En Marea xa non os representa, sobre todo após teren competido nas urnas nas tres últimas eleccións.

Villares defende que debe ser a dirección política da organización En Marea e non o grupo parlamentario quen propoña á senadora

"As cousas hai que facelas segundo mandan as normas. As normas son necesarias sempre, e cando hai problemas hai que observalas aínda con máis detalle", engadiu Villares na entrevista televisada.

Gonzalo Caballero presidirá o PSdeG no Parlamento sen desprazar a Leiceaga

Nos próximos días incorporarase ao Parlamento Galego o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, e será quen exerza a presidencia do grupo parlamentario.

Así, Caballero aclara o seu papel, e con el tamén aclara cal será o de Xoaquín Fernández Leiceaga, que poderá continuar sendo o portavoz do grupo.

Caballero agradeceu a Losada que  puxese "a disposición a súa acta para permitir" a súa chegada ao Hórreo

No transcurso dun acto político en Ferrol, aproveitou Caballero a este respecto a súa intervención para realizar un recoñecemento especial a Abel Losada, deputado no Parlamento Galego que vén de resultar electo concelleiro polo PSdeG na cidade de Vigo e que coa súa marcha do Hórreo facilita a entrada do secretario xeral ao ser que o substitúe.

Caballero agradeceu a Losada que "desde o primeiro momento" puxese "a disposición a súa acta para permitir" a súa chegada ao Hórreo.

Comentarios