Villares reivindica "o dereito" de En Marea a participar nos debates electorais estatais

Considera que debe de estar “en pé de igualdade” con outras forzas que conseguiron representación no Congreso.

en marea
photo_camera en marea

En plena polémica pola fórmula de debates electorais no Estado español, Luís Villares reivindicou en Vigo o dereito de En Marea a “poder participar nos debates en pé de igualdade con outras forzas políticas que tamén tiveron representación parlamentaria”.  

O portavoz de En Marea engadiu que “non nos sentimos representados en ningunha das opcións que propuxo Pedro Sánchez”, en referencia ás fórmulas de debate que se barallan para estes días nas televisión españolas.

O portavoz de En Marea defende que esta candidatura é a única forza política “que fará que o PSOE emprenda políticas progresistas, de esquerdas e que miren a Galiza”, engadindo que na última lexislatura “cando o PSOE non contou con En Marea os orzamentos foron lesivos para Galiza”.


Luís Villares e a candidata ao Congreso por Pontevedra, Iris Malvido, mantiveron en Vigo un encontro con pensionistas. Na xuntanza, a delegación de En Marea fixo un compromiso explícito de rebaixar a idade de xubilación aos 65 anos e eliminar os copagamentos farmacéuticos. Tamén demandou igualar as pensións ao salario mínimo e elevar este último ata os mil euros.

Comentarios