Villares reclama "plans específicos" con orzamentos para manter o traballo nas centrais das Pontes e Meirama

En Marea envía unha mensaxe “de apoio” a toda a poboación das Pontes e das comarcas do Eume, Ferrolterra, Ortegal e Vilalba, e solicita "plans específicos" con orzamento para manter o traballo nas centrais.

Luis Villares, portavoz de En Marea.
photo_camera Luis Villares, portavoz de En Marea.

O portavoz de En Marea, Luís Villares, envía unha mensaxe "de apoio" ás comarcas de Eume, Ferrolterra, Ortegal e Terra Chá despois de que esta sexta feira Endesa solicitase de xeito formal pechar a central das Pontes en 2020. Ademais, Villares reclama "plans específicos" para manter “os postos de traballo" tanto nesta planta como na de Naturgy en Meirama, Cerceda.

Mediante un comunicado, En Marea reclama a través do seu voceiro Luís Villares plans específicos dotados orzamentariamente para manter os postos de traballo nas Pontes e tamén en Meirama:  “O goberno debe asumir dunha vez por todas que a dependencia do carbón é algo que está en vías de desaparecer e polo tanto debemos poñerlle remedio, algo que non se fixo nin nos Orzamentos da Xunta nin nos do Estado”. “Agardamos que se cumpran todos os acordos sobre a restauración laboral e a recolocación de postos de traballo de toda a xente que nestes momentos vai quedar sen emprego, especialmente dos traballadores das empresas auxiliares e os transportistas do carbón, pero tamén toda a vila que queda sen o seu principal motor económico”, sinala Villares após lembrar no comunicado que, desde En Marea, levan tempo “insistindo” en que “a transición ecolóxica que necesariamente se ten que producir con respecto ás fontes de produción de enerxía non renovábeis” se ten que facer “viabilizando as comarcas que van perder postos de traballo como consecuencia disto, tanto nas Pontes como en Meirama”.

“Agardamos que se cumpran todos os acordos sobre a restauración laboral e a recolocación de postos de traballo de toda a xente que nestes momentos vai quedar sen emprego, especialmente dos traballadores das empresas auxiliares e os transportistas do carbón", declarou Luis Villares

Luís Villares sinalou tamén que o PP non aproveitou as oportunidades que tivo para solucionar a problemática das Pontes e acúsao de “deixar tirada á toda a comarca, sen facer plans, sen orzamentar axudas e sen prever un proceso de descarbonización que era evidente”. Tamén apuntou ao goberno central como un axente pasivo, pois “os ministerios que deberían estar tomando decisións sobre isto non o están facendo”, sinala.

Por outra banda, Pancho Casal, deputado do Grupo Mixto e membro de En Marea, afirmou que é “ineludíbel pechar as centrais de carbón, é necesario mirar ao futuro, ao progreso”, xa que para el “non hai outra alternativa”. Engade que é un “erro grave que o goberno da Xunta non tivese asumido este reto con anterioridade” e que dita transición que “para ser xusta ten que facerse con tempo e con previsión”. “A transición non pode ser xusta se a alternativa é agasallar o territorio ás grandes eléctricas ou o mero cambio de negocio, do carbón á eólica, para quedar nas mesmas mans. Hai que favorecer as ofertas de menor potencia (das cooperativas, dos concellos, da cidadanía) e apostar pola enerxía producida e distribuída de xeito democrático”, matiza.

Comentarios