O Goberno central que formen Unidas Podemos e PSOE debe, en opinión de Luís Villares, priorizar a derrogación da lei mordaza e da reforma laboral, así como asumir compromisos orzamentarios coa Galiza
O portavoz de En Marea e o grupo mixto no Parlamento da Galiza, Luís Villares, preguntouse esta terza feira, 12 de novembro, após coñecer o principio de acordo entre PSOE e Unidas Podemos, se «facía falta unha repetición electoral e o ascenso da extrema dereita para que lles viñese o sentido» e alcanzasen un acordo de Goberno no Estado.
En declaracións aos medios nos corredores da Cámara galega, Villares indicou que espera que o novo goberno acometa «medidas contundentes para a recuperación das liberdades públicas" e para acabar coa ditadura da precariedade laboral», derrogando tanto a lei mordaza como a reforma laboral aprobada polo PP.
Villares reclamou como necesaria a «existencia dunha auténtica axenda galega para que os orzamentos de 2020 non cometan o mesmo agravio que os de 2019», expresión que semella unha alusión ao BNG, que volve ao Congreso e cuxa portavoz nacional, Ana Pontón, condicionou o apoio do BNG precisamente á existencia desa «axenda galega».
É positivo un acordo para un goberno de progreso, pero agora ten que demostralo coas medidas e os orzamentos que a cidadanía precisa Derrogación da reforma laboral, acabar coa lei mordaza e atender as necesidades de Galicia. Son maneiras de demostrar o progreso @VillaresLuis pic.twitter.com/yc5NLbF9Nb
— En Marea (@En_Marea) November 12, 2019