Villares promete que a Marea lle vai devolver os meios públicos á cidadanía

Sen a desgubernamentalización dos meios de comunicación públicos da Galiza non é posíbel falarmos dunha democracia merecente de tal nome, veu dicer esta segunda feira o candidato da Marea á presidencia da Xunta.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares, na conferencia de imprensa.

Villares compareceu esta segunda feira en Compostela en conferencia de imprensa perante os meios para dar a coñecer as iniciativas que un eventual goberno galego en mans da Marea tomaría en relación á radio e a televisión públicas da Galiza.

“Os meios públicos agardan polo seu 15M, querémolos democráticos, non submetidos ao capricho do goberno”, puxo en destaque o candidato da confluencia de Podemos, EU e Anova e plataformas municipalistas.

A Marea propón racionalizar os salarios dos membros do Consello de Administración da antiga CRTVG, hoxe corporación, ben como impulsar un Estatuto profesional das traballadoras e dos traballadores destes meios e un Consello de Informativos da CRTVG.

A Marea ten a intención de impulsar unha reforma da Lei de Meios Audiovisuais da Galiza

Para materializar todo isto, a Marea ten a intención de impulsar unha reforma da Lei de Meios Audiovisuais da Galiza, pactada no seu día por PP e PSdeG, visando tornala “máis democrática e garantista”.

“Comunicar é un dereito. Recibir unha información veraz, tamén, e para iso temos meios públicos na Galiza, non para que Feijóo lle devolva favores aos seus amigos nin para que lle aforre cartos ao Partido Popular pagando outra vez con cartos públicos a súa campaña eleitoral. Porque iso é o que vén facendo dende hai algunhas semanas cunha campaña indigna e innecesaria porque é A Xunta Informa”, afirma Villares.

Medidas de normalización do galego

A Marea tamén aspira a desenvolver políticas desde o goberno galego visando o cumprimento por parte de operadores privados (exemplo paradigmático, as emisoras de radio que explotan o espazo radioeléctrico público) dos compromisos adquiridos coa administración en relación ao uso da lingua galega. Ese cumprimento non lle está a ser exixido por parte do goberno Feijóo, denuncia Villares.

Comentarios