O líder da confluencia galega pide eleccións anticipadas se Feixóo vai a Madrid

Villares, a Podemos e EU: "Ninguén a 600 quilómetros pode impor como se presenta cada marea"

Villares arreponse aos partidos estatais dentro da confluencia galega, após Podemos e EU pactaren en Madrid apresentarse ás eleccións locais de 2019 coa marca Unidas Podemos Izquierda Unida Equo. "Ninguén a 600 quilómetros pode impor como se presenta cada marea", afirma o portavoz da confluencia. Villares fai valer os acordos do plenario de marzo de 2018.

Vilhares
photo_camera Luís Villares

Nunha entrevista na Radio Galega, Luís Villares defendeu o modelo de partido instrumental de que se dotou a confluencia fronte ao seu cuestionamento por parte de Podemos e Esquerda Unida, que apostan por o trocar pola coligazón das forzas políticas pre-existentes ao nacimento de En Marea. Villares invoca a autonomía de decisión das marés locais -en marzo o plenario da confluencia votou a favor de criar mareas nos múltiples concellos en que aínda non existen- fronte aos pactos que asinan as forzas estatais en Madrid. Dentro desa marxe de autonomía, esclareceu Villares, cabe tamén a opción de ir en coligazón, mais iso non significa que se poda estabelecer desde fóra "nen o nome da papeleta nen a forma en que se apresentan".

Villares xulgou como "desafortunadas" as declaracións en que Rubén Pérez, secretario de Organización de EU, cualificou En Marea de "partido ornamental" e, nesa dirección, avisou que aquelas que "teñan intención" de abandonar a confluencia "van ter que dar moitas explicacións".

A outra mensaxe que deixou a entrevista foi o apelo de Villlares a que o PP facilite a convocatoria de eleccións anticipadas na Galiza na eventualidade -moi probábel a día de hoxe- de que Feixóo decida concorrer como candidato ao congreso extraordinario de relevo de Raxoi. "Se hai un cambio de ciclo, como parece que vai haber coa marcha de Núñez Feixóo, o normal é que ese cambio de ciclo non veña seguido dunha interinidade onde se poña un presidente que ninguén escolleu", razoou o portavoz orgánico e parlamentar de En Marea.

Comentarios