Esta sexta feira, Luís Villares -a quen comezan a lle pór a proa desde a Marea Atlántica até Unidos Podemos- mostraba a súa disponibilidade a liderar a confluencia -isto é, a encabezar unha candidatura nas primarias de xaneiro- na eventualidade de que a súa figura serva para “aunar posicións”, na esteira do consenso que lle permitiu no seu momento ser eleito candidato á presidencia da Xunta.
Ese consenso parece neste momento quimérico para o xuíz en excedencia. O debate previo ao Plenario deste 17 de decembro evidenciouno ao se pór sobre a mesa a existencia, na Coordenadora da Marea, dun amplo sector partidario dunha división de funcións entre o referente parlamentar (que ninguén polo momento cuestiona que continúe a ser Villares) e o orgánico. Mais o asunto non se limita só ao réxime de incompatibilidades: Esquerda Unida e Podemos, as forzas hexemónicas neste momento no seo da Marea, conseguiron impor a súa tese de que nas primarias se elixa só un órgao de carácter colexiado -o Consello da Marea- e non un órgao de carácter unipersoal.
Dito doutro xeito, non está neste momento na axenda das correntes hexemónicas da confluencia a elección dunha secretaría xeral ou dun órgao homólogo. Non se albisca no horizonte un primus inter pares.
Non está neste momento na axenda das correntes hexemónicas da confluencia a elección dunha secretaría xeral ou dun órgao homólogo
Por se ficaban dúbidas ao respeito, esta sexta feira confirmaron esta perspectiva dous dirixentes de peso, o deputado da Marea no Congreso Antón Gómez Reino (Podemos) e o alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica, Xulio Ferreiro. En declaracións á imprensa posteriores a un seu encontro para abordar asuntos da Coruña que podan ter traslación ao Congreso dos Deputados, quer Gómez Reino quer Xulio Ferreiro se posicionaron a prol do que chamaron “lideranzas compartidas”.
Xulio Ferreiro -cuxo distanciamento de Villares é cada día máis notorio, embora fose o alcalde da Coruña un dos impulsores da candidatura á Xunta do actual portavoz parlamentar- foi máis lonxe do que Gómez Reino ao declarar que a tarefa básica da Asemblea de En Marea é a de decidir “que tipo de organización queremos” e non tanto falar “de persoas concretas”.
“A xente defende liderados compartillados e En Marea ten que dar resposta a esa demanda da sociedade”, dixo Gómez Reino, en tanto que Ferreiro anotou que “as lideranzas colectivas están no ADN da Marea e non deben interpretarse como unha loita polo poder, que non existe”.
Mesmo no debate sobre “que tipo de organización queremos”, as posicións de Luís Villares -co xuíz en excedencia apenas se aliñou Anova, e non toda- áchanse en franca minoría
Mais mesmo no debate sobre “que tipo de organización queremos”, as posicións de Luís Villares -co xuíz en excedencia apenas se aliñou Anova, e non toda- áchanse en franca minoría. O portavoz parlamentar preconizaba a disolución dos partidos no seo da plataforma e que esta tivese personalidade propia, que fose unha organización de afiliación individual. A xulgar polos textos a debate este 17D a cousa non vai a ir por aí en absoluto. As organizacións políticas manteñen o seu papel, non existen órgaos de carácter unipersoal -que loxicamente terían nunha organización tan plural unha función unificadora do discurso- e tampouco existe stricto senso a figura da persoa militante ou afiliado ao se apostar pola inscrición on line, isto é, polo modelo de participación política internética de persoas inscritas característica de Podemos.