Luís Villares desbota que a caída de Podemos nas enquisas se traslade a En Marea

Non teme un "contaxio". "En Marea é un valor político ao alza", afirmou Luís Villares nunha entrevista este domingo na SER. Estanlle a mover a cadeira como líder da confluencia en Galiza?, perguntoulle a xornalista Aida Pena. "A cadeira está ben afincada", respondeu.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

Villares está certo de que a caída de Podemos nos inquéritos -reflectida por exemplo no último CIS, en que a formación morada se ve sorpassada por Cs- non se vai trasladar ao espazo de En Marea. "A realidade política e social da Galiza é diferente. En Marea é hoxe un valor ao alza. E verémolo cando houber enquisas galegas", dixo o portavoz orgánico e parlamentar da confluencia.

Tampouco cre que se estea a producir unha direitización da sociedade -dado que a suma de Cs e PP supera con moito a do bloco PSOE-Unidos Podemos e confluencias-, senón que pensa máis ben que o que se estaría a consumar unha fragmentación no antigo "monolitismo" do espazo da direita. En todo caso, Villares esforzouse en retratar En Marea como unha forza que non se explica tanto no eixo direita-esquerda, como no da "transversalidade". Destarte, puxo como exemplo que na recente mobilización a prol da sanidade pública había moitas persoas que teñen votado PP e que agora se senten defraudadas ao ver como o partido conservador xestiona os servizos públicos. Esas persoas, argumentou, poden ver como alternativa a forzas como En Marea.

O líder da confluencia foi interpelado polo seu recente tirapuxa dialéctico con Feijóo no Pazo do Hórreo, saldado con aquela sentenza lapidaria do presidente da Xunta de que el continuaría a ser presidente cando Villares xa non fose deputado. "Si, o destino de Feijóo é ser presidente de algo. De Audasa ou de Ence", dixo irónico, en alusión ás portas xiratorias tantas veces abertas por políticos do establishment. "En Madrid non o queren", alegou.

"Desde 2016 Feijóo está ausente dos problemas de Galiza", dixo. O país é obxecto de discriminación no canto de receber un trato "preferente" por ser a única comunidade autónoma que outorgou ao PP maioría absoluta. Iso débese, xulga Villares, a que Feióo é un "presidente ninguneado", un líder político que no ten interese "en facer valer a súa condición de presidente de Galiza" porque todo o subordinaría á súa pretensión de dar o relevo a Rajoy na Moncloa.

"Si, o destino de Feijóo é ser presidente de algo. De Audasa ou de Ence", dixo un irónico Villares

Villares pensa que si existe unha alternativa verosímil ao PP en Galiza. A tarefa da súa construción "resólvese agora". A" formulación dunha alternativa ao PP ten que vir do día a día", dixo e puxo en valor que "distintas forzas somos capaces de chegar a acordos", apuntou en alusión ás distintas formacións da oposición. Acordos nas mobilizacións -en defensa da sanidade pública- e acordos nos concellos, alegou.

Interpelado pola maior ou menor autonomía das distintas confluencias na esfera local -as mareas municipalistas-, Villares negou que cada organización vaia por libre. Argumentou que se ben teñen "plena autonomía no espazo do municipalismo" si partillarían os mesmos "principios", entre os que sobranceou o "radicalismo democrático" e a "xustiza social".

E sobre o hipotético cuestionamento do seu liderado ao fronte de En Marea -"estanlle a mover a cadeira?-, Villares acabou por dicer: "A cadeira está ben afincada".

Comentarios