Villares: "Non recoñecemos Somos Fene como parte do noso espazo político"

Esta sexta feira, Bieito Lobeira instou Luís VIllares a desautorizar Somos Fene polo seu apoio á moción de censura contra Juventino Trigo (BNG), alcalde de Fene. A resposta do líder de En Marea non se fixo esperar.

Luís Villares. 27 Febreiro de 2017

A meio dun comunicado de imprensa, En Marea puxo terra de por medio este sábado con Somos Fene, unha candidatura municipalista que prestou apoio á confluencia nas eleccións galegas de setembro de 2016.

"Non recoñecemos Somos Fene como parte do noso proxecto político", afirma Luís Villares, para a seguir lanzar un contundente ataque a un PP que estaría a "usar os orzamentos da Xunta para os seus intereses particulares", promovendo mocións de censura que pasan por cima das necesidades das e dos cidadáns.

En Marea, en troca, acha "necesario salientar o traballo municipal que desenvolve o actual grupo de goberno formado por BNG-EU en favor das melloras sociais e da atencións ás necesidades da veciñanza, un labor dificultado permanentemente polos tres grupos de oposición nese concello", di a confluencia na nota de imprensa.

A organización liderada por Luís Villares acusa o PP de "traficar" cos orzamentos da Xunta "para prometer as mesmas obras que lle son denegadas aos gobernos municipais que non están na súa órbita". 

Comentarios