Villares di sentirse representado “en xeral” por Pablo Iglesias

Aínda que cunha excepción, cando no discurso do debate sobre a moción de censura ao Goberno de Raxoi obviou Galiza, Luís Villares, portavoz de En Marea, di sentirse representado “en xeral” por Pablo Iglesias. Porén, prefire o deputado Miguel Anxo Fernán Vello, “quen si fixo valer a nosa condición de nación no discurso”.

luis villares e aida pena cadena ser

O portavoz de En Marea, Luís Villares, insistiu este domingo na necesidade de que as e os parlamentares da formación que dirixe, e que están inseridos no grupo de Unidos-Podemos no Congreso, fagan visíbel “unha axenda galega”. “É necesario mellorar esas situación”, afirmaba, contundente, nunha entrevista concedida á cadea SER Villares.

O dirixente do partido instrumental considera que “as reivindicacións que temos como En Marea non fiquen supeditadas ou diluídas nun discurso de carácter confederal”. Dixo ao respeito que “participan” dese discurso confederal, mais defende que hai que atender “necesidades específicas do noso país”.

Villares asegurou na entrevista que o contacto coas deputadas e deputados de En Marea inseridos no grupo parlamentar de Unidos-Podemos “é moi fluído” e dixo sentirse representado “en xeral” por Pablo Iglesias. Puxo unha excepción, “sinalei que non me sentía representado cando, na moción de censura, esqueceu Galiza ao falar das nacións do Estado”. “A min represéntame Fernán-Vello, quen si fixo valer a nosa condición de nación no seu discurso”, engadiu.

Villares admitiu que un dos “desafíos” de En Marea pasa por “xestionar as expectativas que nós mesmos xeramos na cidadanía”, segundo as que o ían facer “todo, rápido e ben”. “Correspóndenos demostrar que si que facemos avances que son significativos”, agregou. “En apenas 100 días de cambio de goberno, o grupo confederal conseguiu un compromiso en relación ás pensións, a elevación do teito de gasto, desbloqueamos a AP9 e iso significa que as expectativas que a xente tiña en nós se van cumprindo”.

A respeito do contexto interno de renovación que vive a cúpula de En Marea, Villares amosou o seu desexo de que “todo o mundo fique satisfeito”. A unanimidade do último Consello das Mareas, dixo, “é a tónica que me gustaría seguir”. Así, ve necesario que “todos rememos na mesma dirección” e admitiu estar “seguro” de que todos os sectores “son leais ao proxecto compartido”.

 

Sobre as eleccións municipais, subliñou que barallan unhas 150 candidaturas e que o partido está traballando para que nos concellos onde existen dúas candidaturas vinculadas á Marea ou aos partidos que a integran poidan concorrer unidas aos comicios. Só haberá unha listaxe, agregou, que conte co apoio de En Marea.

Comentarios