Villares di que non haberá nin cotas nin escisións na Marea

Como tarde, en xaneiro, acometerase a renovación da dirección de En Marea. Así o asegura o seu portavoz no Parlamento, Luís Villares, quen rexeita “cotas” e “escisións” na organización.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

A coordinadora provisional que rexe En Marea desembocará nos próximos meses nunha asemblea en que se afondará no “modelo organizativo e no ideario”. Luís Villares, candidato de En Marea á Presidencia da Xunta e portavoz do grupo no Parlamento, sinalou, nunha entrevista concedida a Europa Press, que malia as especulacións “non haberá nin cotas nin escisións”.

“Na primeira fase, a idea é constituír o Consello das Mareas, un órgano colexiado que se ocupará da dirección política”, afirmou. E tras isto, elixirase unha nova coordinadora. A renovación da dirección “estará feita en xaneiro a máis tardar”.

Luís Villares defendeu “unha gran lista de consenso” en que “todo o espazo da confluencia se vexa representado”. Sobre quen encabezará o proxecto, eludiu aclarar se é favorábel a que un mesmo dirixente exerza a portavocía da Cámara e lidere o partido a nivel orgánico, aínda que salientou a importancia de que “se visibilice a unidade” e engadiu que “unha forma de visibilizar a unidade é esa”.

Autonomía das mareas locais

A respeito das mareas municipalistas, o portavoz de En Marea puxo de manifesto que a formación que encabeza “nunca, nunca, nunca”, como organización, “lle vai marcar o paso ás mareas locais, que no seu ámbito teñen a última palabra”.

Aliás, afirmou que a “dupla militancia non é en absoluto incompatíbel”.

Comentarios