Inicia "unha reflexión colectiva"

O grupo parlamentar de En Marea acorda unha "nova estrutura" da portavocía que relevará a Villares

[ACTUALIZADA ÁS 22.46 HORAS] O grupo parlamentar de En Marea acordou na reunión que mantivo na tarde da terza feira iniciar "unha reflexión colectiva para consensuar" unha nova fórmula da portavocía que daría o relevo a Luís Villares.

villares

O grupo parlamentario de En Marea, reunido esta terza feira, tal e como adiantara Sermos Galiza, aprobou un texto onde se compromete a iniciar “unha reflexión colectiva para consensuar” unha nova fórmula de portavocía que daría relevo a Luís Villares. Sería este o primeiro paso para destituílo como portavoz parlamentar único, pois do texto dedúcese que podería acordarse unha portavocía mixta ou rotatoria.

Fontes do grupo parlamentar informaron a Sermos Galiza de que o texto foi aprobado na reunión do grupo parlamentario con 9 votos a favor -que segundo estas fontes serían as parlamentares de Podemos (Luca Chao, Marcos Cal, Julia Torregosa, Carmen Santos e Paula Quinteiro), Eva Solla (EU), Manolo Lago e Antón Sánchez (Anova)-. Decidiron non votar 4 deputadas e deputados (o propio Villares, Flora Miranda, Pancho Casal e Paula Vázquez Verao) e votou en contra Davide Rodríguez. Porén, fontes próximas a Anova sinalan que o seu portavoz non participou de votación ningunha, aínda que si estivo de acordo en que se enviase un texto.

"No grupo non se votou o relevo do portavoz. Quedouse de enviar un texto acordado", afirman as fontes de Anova, partido que esta tarde non pretendía adoptar decisión ningunha, pois "temos que reunir os nosos órganos e até as municipais non imos dar ningún debate". O propio Sánchez puña de manifesto no seu perfil de Facebook: "Pasaron as eleccións xerais. Alivio si, pero moito que mellorar. Por iso é tempo para a análise política, para aprender dos erros e para centrarse en apoiar as mareas nas municipais, que levan batallando duro catro anos e son parte decisiva do futuro". Agregaba, "o resto pode agardar".

O grupo parlamentar de En Marea envioulles aos medios o acordo en dous correos electrónicos con minutos de diferenza (un ás 21.15 horas e outro ás 21.54 horas). O primeiro deles informaba expresamente: "Este texto foi aprobado na reunión do grupo parlamentario con nove votos a favor e cinco deputadas que non quixeron participar na votación". No segundo, eliminouse toda referencia a esta suposta votación.

Fontes do grupo parlamentar informan a Sermos Galiza de que na reunión, que decorreu unha vez finalizada a sesión plenaria, varias deputadas e deputados próximos a Podemos instaron a Villares a presentar a súa demisión "dados os resultados das eleccións xerais" e "para aforrar todo este trámite que vén agora". A resposta de Villares, din, foi o silencio, "non dixo nada ao respecto".

Preguntadas estas fontes sobre se a decisión de relevar o actual líder da oposición e portavoz do partido instrumental supón a ruptura definitiva do grupo parlamentar, as mesmas fontes afirman que "a ruptura xa ficou evidenciada antes das eleccións xerais". Porén, aseguran,"de momento, imos seguir funcionando como un grupo parlamentar".

Villares culpa da situación a Podemos

Luís Villares, en declaracións aos medios, sinalou como responsábeis da reunión os deputados e deputadas de Podemos. Afirmou que a xuntanza "prexudica" as candidaturas municipais organizadas ao redor de En Marea e salientou que a decisión de mudar de portavoz no Hórreo debe darse no propio partido e non no grupo parlamentar. Advertiu de que o grupo carece de "lexitimidade" para revogar o portavoz.

"Esta reunión fíxose sen contar con ninguén. Non hai respeto ningún á organicidade de En Marea nin respecto ao resultado de 2016", lamentou Villares, quen acusou a Podemos de "querer controlar por controlar o grupo parlamentario".

O contido do acordo remitido aos medios

No acordo do grupo parlamentario, que foi enviado aos medios, asegúrase que a natureza de En Marea mudou nos últimos meses, pasando de ser un espazo común de confluencia de moitas persoas, organizacións políticas e mareas de base municipal para converterse nunha forza política con dinámicas propias.

Apuntan no texto que ese cambio de natureza ficou de total evidencia nas eleccións xerais pasadas nas que “En Marea partido confrontou con En Común Unidas Podemos”.
 

Sinalan tamén que “o cambio de natureza do espazo político afecta directamente ao grupo parlamentario que loxicamente deixou de ser a representación institucional dese espazo de confluencia para ser un grupo parlamentario no que conviven catro forzas políticas ademais de persoas independentes”.
 

Acordan por tanto como “necesario” adaptar a portavocía a esa nova realidade, “porque non ten ningún sentido que unha persoa que dirixe un dos catro partidos, moi minoritario, sexa a persoa que actúe como voceiro único do grupo”.

[A información foi actualizada ás 22.46 horas despois de que Sermos Galiza lograse, tras varios intentos infrutuosos, contactar con fontes de Anova]

Comentarios