Reivindica unha axenda galega

Villares cualifica de "absoluta farsa" as confluencias de Podemos

O voceiro da organización política En Marea urxe a alcanzar un acordo de goberno cunha axenda política galega e asegura que a fórmula en que concorrerá a súa formación ás eleccións está aberta.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

De “absoluta farsa” cualificou Luís Villares as confluencias de Podemos referíndose a que a representación obtida pola Galiza nas eleccións xerais do pasado 28 de abril non ten capacidade política “de ningún tipo”. Luís Villares cargou así contra En Común-Unidas Podemos, fórmula baixo a que saíron electas as deputadas Yolanda Díaz e Antón Gómez-Reino.

O líder da organización política En Marea e actual portavoz do Grupo Mixto no Parlamento Galego após romper co grupo parlamentario de En Marea (formado agora por Podemos-Anova Esquerda Unida) arrincou así o novo curso político denunciando unha “batalla polas cadeiras de brazos entre Pedro Sánchez e Pablo Iglesias”. Villares cualificou as malas relación entre ambos os dous líderes españois como “unha loita en que a testosterona se opuxo ás neuronas" e que deixa como "vítimas" os servizos públicos, o investimento en I+D+i, o medio e a mocidade.

Luís Villares criticou que durante todo o verán non se escoitaron "debates de ideas" co obxectivo de conformar un goberno central, se non "pelexas de salón" nas que, afeou, non tiveron visibilidade as confluencias de Podemos, antigos socios da organización política En Marea.

En particular, referiuse ao feito de que as "supostas confluencias" non negociasen " bilateralmente" as súas esixencias con Pedro Sánchez, o que as converte nunha "absoluta farsa". "Demostrouse que non había programa político propio nin autonomía para negociar", asegurou.

Villares reclamou que se alcance a nivel estatal un "acordo para un goberno de progreso"

Por iso, para Luís Villares, este modelo "non serve para vertebrar a plurinacionalidade" do Estado nin para "os intereses da cidadanía da Galiza", xa que manteñen con Podemos unha estrutura "fortemente centralista".

Nesta liña, cuestionou á portavoz adxunta de Unidas Podemos, Yolanda Díaz, e ao secretario  xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, preguntándose "con que credibilidade" falan "dunha alternativa de goberno na Galiza cando non son capaces de acordar un goberno no Estado".

Así, Villares reclamou que se alcance a nivel estatal un "acordo para un goberno de progreso" cun "programa progresista" e que teña unha axenda social e económica para a Galiza.

"Nós estaríamos xa cun acordo de coalición e cun acordo programático pechado", dixo Villares, que lembrou a Sánchez e Iglesias que "esa é a súa responsabilidade".

Luís Villares admitiu que, no caso de que se produzan novos comicios, abrirase "o debate sobre as alianzas"

Sobre a situación de En Marea, Luís Villares admitiu que, no caso de que se produzan novos comicios, dixo, abrirase " o debate sobre as alianzas ou sobre a posibilidade de concorrer en solitario". "Neste momento, a dirección non ten pechada ningunha forma concreta de concorrencia electoral", sentenciou.

Comentarios