Villares chama desde o grupo mixto a “reilusionar o electorado”

Defende que son a “representación institucional” do espazo En Marea mais a Mesa do Parlamento acordou que non poderá manter esa designación

En Marea

Non poderán designarse En Marea mais eles son, defenden, as e os representantes institucionais no Parlamento galego de En Marea. Luis Villares, Paula Vázquez Verao, Pancho Casal e Davide Rodríguez compareceron esta segunda feira para presentar o grupo mixto que conforman após a súa marcha do espazo que se coñecía como En Marea e que agora fica con 10 dos 14 representantes obtidos nas eleccións,  e cunha denominación aínda por confirmar mais que podería ser a de ‘Galicia en común’.

A mesa do Parlamento, iso si, xa denegou ao grupo mixto que poidan nomearse grupo mixto En Marea. Porén, Luis Villares considera que esa decisión non pode tapar que “"somos o grupo parlamentario de En Marea, somos os representantes institucionais desta organización". De feito, pediu aos seus excompañeiros e excompañeiras que muden a súa denominación formal no Parlamento.

Desde a situación actual queren “reilusionar o electorado”, un obxectivo que se marcan tendo claro que agora o protagonismo debe de ser de atender as necesidades da cidadanía e non de división e enfrontamentos internos.

"Foi un erro estar tres anos buscando unha unidade ficticia porque había xente que non a quería", recoñeceu a preguntas dos medios Luís Villares, reafirmando así o confesado nunha entrevista con Sermos Galiza.

O grupo mixto terá como portavoz a Luis Villares, como viceportavoces Paula Vázquez Verao e Pancho Casal, quen, á súa vez, repártense as responsabilidades nas áreas social para a primeira (comisións de cultura e educación, e sanidade) e económica para o segundo. Pola súa banda, Davide Rodríguez continuará con medio rural e suma a área de medio ambiente.

Comentarios