Villares atribúese un papel como “elemento de cohesión” na Marea

Aínda que non ten “ningún problema” en que asuman a portavocía de En Marea “outras persoas”, Luís Villares, portavoz parlamentar da formación, vese un “elemento de cohesión”.

Luís Villares
photo_camera Luís Villares

Luís Villares, portavoz parlamentar de En Marea amosouse en disposición a asumir a portavocía orgánica do partido, aínda que asegurou non ter “ningún problema” en que “o fagan outras persoas”. Así o sinalou nunha entrevista concedida á Radio Galega.

O deputado quitoulle importancia ao feito de que a lista que encabezou o vetara para o posto de portavoz do partido e afirmou que ve en Xosé Manuel Beiras “un bo portavoz”. “Creo que sería un bo portavoz, sen dúbida. Por que? Pois porque para ser portavoz do espazo da confluencia, ninguén mellor que o primeiro teórico sobre o espazo de confluencia”, subliñou.

Aliás, atribuíuse un papel como elemento de cohesión dentro de En Marea, “o meu papel aí é tratar de cohesionar todo o espazo e chegar a todo o mundo e seguir sumando esforzos”. Admitiu, ademais, estar “satisfeito” de terse embarcado no proxecto.

Comentarios