A discrepancia básica estaría na portavocía

Villares asume o documento político "defendido por Beiras" e despraza o debate ao terreno orgánico

As teses oficiais de En Marea para o plenario deste 15X poden integrar sen problemas o documento político dos críticos, defendeu esta sexta feira Luís Villares. Trataríase dun documento complementar e asumíbel por facer interesantes achegas en materia de republicanismo cívico. Cuestión distinta é a que se refere ás teses organizativas, onde si habería discrepancias. Sen o citar, Villares desprazou o debate ao asunto central da portavocía. Os críticos queren unha voceiría colexiada e rotatoria, algo que na práctica descabalgaría o ex xuíz do cargo político de maior peso da confluencia.

Luís Villares. 27 Febreiro de 2017

Luís Villares convocou de urxencia a imprensa na sala de En Marea no Parlamento con dous obxectivos básicos: avaliar o comunicado emitido esta quinta feira por Podemos Galicia -en que o partido morado se borra como tal do plenario deste sábado- e anunciar a vontade do grupo dirixente da confluencia de asumir como propio -de integrar por tanto no relatorio oficial- o documento político facturado pola oposición interna baixo a lenda de Recuperar En Marea.

Foi moi rechamante o protagonismo que Villares outorgou a Beiras na comparecencia, até o ponto de que se referiu en varias ocasións ao "documento defendido por Beiras" para aludir as teses pactadas por Anova, Esquerda Unida e o sector de Podemos que gravita arredor de Antón Gómez-Reino.

Villares esforzouse en transmitir a idea de que as teses políticas beiristas non só son asumíbeis polo relatorio oficial, senón que mesmo o enriquecen. Destarte, o debate no plenario non estaría en ningún caso situado no ámbito da discusión política -pois aí as zonas de acordo sería tantas como para integrar os documentos formulados pola corrente crítica.

O documento político avalado por Beiras, aduciu Villares, faría "achegas moi interesantes en materia de republicanismo cívico e son complementares do que o espazo quer ser, isto é, a suma de todas as opinións, a suma de todas as vertentes, a suma das maiorías sociais, a suma do común".

O desacordo estaría non no documento político, senón nos outros, isto é, nos puramente regulamentares ou organizativos. "Os outros [por eses] teñen cuestións positivas e outras que non nos parecen tanto. En relación a iso daremos o debate que haxa que dar. Pero tamén o plenario é o espazo de dar o debate. Para ver cais son as cuestións que se entenden máis acaídas" polo conxunto das persoas inscritas. 

Entre esas teses "que non nos parecen tanto" estaría o debate arredor da portavocía. O villarismo defende un portavoz único -o atual- e dúas viceportavocías, que xa existen. A corrente crítica resgata a tese da portavocía colexiada e rotatoria coa que a candidatura Máis Alá -paradoxalmente encabezada por Luís Villares- concorreu ao proceso de primarias internas. Esa é a nai do año do desacordo.

Hai tamén un profundo disenso sobre a propia concepción do que no plano xa filosófico debe ser En Marea. Aquí as diferenzas maiores non se darían tanto entre o actual grupo dirixente e o beirismo, senón máis ben entre as teses villaristas e as de Podemos (e en parte Esquerda Unida). Para o ex xuíz, En Marea é un novo suxeito con personalidade xurídica e política propia, cos partidos a xogaren un papel meramente subalterno. Para Carmen Santos, a secretaria xeral de Podemos Galicia, En Marea é apenas unha "ferramenta electoral e institucional".

Sobre o comunicado de Podemos Galicia

En todo caso, levado por un certo optimismo antropolóxico que -segundo os seus afíns- o caracteriza, Villares tentou ver a botella medio chea: "O comunicado de Podemos de onte [pola cuarta feira] ten algo de positivo", dixo, "e é que recoñece a liberdade individual das súas bases para poder participar no proxecto de En Marea [isto é, no plenario deste sábado]". "Para nós iso é o importante, o espazo de En Marea é un espazo que non lle pide a ninguén o seu carnet e nel todas e todos cabemos".

"Apartir daí", razoou, "as cúpulas das organizacións son moi libres de estabelecer con que paso queren andar, pero o espazo de unidade popular non ten cancelas e polo tanto non se pode deter. As organizacións [os partidos integrados dentro da confluencia] suman, as organizacións apoian, pero o motor principal é a cidadanía. Por isto este espazo defínese como republicano, rupturista, horizontal e cidadán", alegou.

"Nós non chamamos a ser un partido político, somos un espazo integrado por todas as vontades e que, por tanto, non ten cancelas e non as vai ter nen por un comunicado nen por outro"

Negou, iso si, Villares que o grupo dirixente da confluencia queira tornar En Marea nun partido político convencional, o núcleo da crítica de Carmen Santos. "Nós non chamamos a ser un partido político", dixo o portavoz parlamentar, "somos un espazo, un espazo integrado por todas as vontades e que, por tanto, non ten cancelas e non as vai ter nen por un comunicado nen por outro. Por que? Porque a vontade das persoas -e moi especialmente a vontade das persoas que traballan nas bases desas organizacións- reclama constantemente traballo de unidade e iso é o que estamos dando, unidade".

Comentarios