Viaxe de Pontón a Arxentina e Uruguai para "reforzar lazos" coa comunidade galega e forzas de esquerda

A axenda que inclúe reunións co presidente Tabaré Vázquez, con personalidades como José Mújica e reunións nas cámaras do Senado e do Congreso de ambos países, así como encontros coa comunidade galega.

Ana Pontón. 18 de xullo de 2017.

Ana Pontón inicia unha viaxe por Uruguai e Arxentina coa finalidade de reforzar lazos coa colectividade galega e coas forzas políticas e sociais de esquerda de ambos os dous países. Xunto coa  eurodeputada Ana Miranda, desenvolverán unha axenda de contactos políticos, institucionais, sociais e coa diáspora galega.

Os contactos políticos inclúen unha reunión co presidente de Uruguai, Tabaré Vázquez, co seu predecesor, José Mújica, -con quen Pontón compartirá seminario baixo o título Izquierda, soberanía y globalización: Unidad para la transformación-, e tamén coa vicepresidenta da república Lucía Topolansky.

Tanto en Montevideo como en Bos Aires, Pontón e Miranda manterán encontros nas cámaras do Senado e do Congreso, con reunións con representantes do Frente Amplio e co Movemento de Participación Popular no caso de Uruguai. En Arxentina, reunión coa bancada do Frente pola Victoria no Congreso da Nación.

Entre os encontros previstos coa colectividade galega están as reunións coa directiva do Centro Galicia ea visita ao Instituto arxentino galego Santiago Apóstol onde, da man do presidente, Manuel Peleteiro, manterá unha xuntanza co alumnado e co profesorado.

Igualmente, tamén en Bos Aires reunirase co colectivo en defensa do Centro Galego, institución histórica e referencial para a colectividade galega hoxe en dificultades. Ademais, está prevista unha xuntanza co presidente da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina, Diego Martínez. A portavoz nacional manterá unha serie de contactos con movementos sociais de esquerda, como o Movemento arxentino en defensa do aborto.

Comentarios