Viana do Bolo denuncia a alcaldesa de Vilariño por “incumprir” o estado de alarma para repartir lambetadas no municipio vianés

O alcalde mandou un comunicado a Subdelegación do Goberno no que describe como a rexedora, “nun coche de Protección Civil de Vilariño”, coa sirena posta e “música elevada”, percorreu o 25 de abril Viana repartindo caramelos.

Alcaldesa Vilariño (BNG Viana do Bolo)
photo_camera (FB do BNG de Viana)

En pleno confinamento decretado baixo o estado de alarma, a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía (PP), desprazouse nun vehículo de Protección Civil deste concello ao municipio veciño de Viana do Bolo para alí repartir “obsequios” e “caramelos” polas casas.

Isto é o que denuncia o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández, nun escrito remitido á Subdelegación do Goberno. Os feitos tiveron lugar o pasado 25 de abril, “estando vixente o estado de alarma”, subliña o rexedor

O alcalde vianés explica que a alcaldesa de Vilariño, acompañada de tres persoas máis, “dúas delas disfrazadas”.estivo en Viana.  “O coche circulou polas rúas de Viana do Bolo coas sirenas postas e con musica elevada, dirixíndose a domicilios onde entregaron obsequios”. O vehículo era de Protección Civil de Vilarino, “sen competencias en Viana”,

O alcalde de Viana mantén que esta “actuación comandada pola alcaldesa” de Vilariño fíxose sen avisar nin comunicarllo ás autoridades, e que esa acción incumpriu “medidas e restriccións” dispostas no estado de alarma e puxo “en risco” a poboación de Viana.

A actuación da alcaldesa respondía, apontan medios ourensáns, a unha iniciativa para festexar o Día do Libro co Punto de Atención á Infancia de Vilariño, ao que acoden nenos e nenas de Viana. 

Comentarios