O goberno español aproba o real decreto para trasladar os restos de Franco fóra do Val dos Caídos

O Consello de Ministras autoriza a modificación da lei de Memoria Histórica que permitirá a exhumación do ditador

photo_camera Valle de los Caídos.

Na mañá desta sexta feira, o Consello de Ministras deu o primeiro paso cara ao traslado de Francisco Franco do monumento funerario do Val dos Caídos. O Goberno español acaba de validar o real decreto que modifica a lei de Memoria Histórica, unha medida que blinda a operación. “Non podemos perder nin un só instante en cumprir o informe dos expertos, que indicaban que a acción máis rápida para a paz das vítimas alí soterradas era a exhumación dos restos de Franco”, apuntou a vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, nunha rolda de prensa posterior.

O traslado do ditador fóra do lugar onde están as vítimas da contenda é unha cuestión prioritaria para o actual executivo. Segundo informou Calvo, a vindeira sexta feira 31 de agosto o real decreto será publicado e abrirase un período de 15 días para que as persoas afectadas –neste caso, a familia do ditador– poidan apresentar alegacións e, tamén, para facerse cargo dos restos. No caso de non existir pronunciamento por parte da familia, o Executivo español deberá escoller un “lugar digno e respectuoso” para enterralo novamente.

Abrirase un período de 15 días para que as persoas afectadas –neste caso, a familia do ditador– poidan apresentar alegacións e, tamén, para facerse cargo dos restos

Probábel recurso no Congreso

De cara ao inicio do período de sesións en setembro, a vicepresidenta tamén asegurou ante os medios que a intención é tramitar o real decreto como proxecto de lei no Congreso. Isto permitirá o debate en comisión e a posibilidade de que os grupos parlamentarios aporten enmendas. A medida xa fora votada na Cámara Baixa nunha proposición non de lei. Porén, agora o Executivo propón unha iniciativa lexislativa que deberá ser refrendada pola maioría dos deputados, expóndose ao posíbel recurso do Partido Popular e mesmo de Ciudadanos, que xa admitiu que non apoiaría a lei.

No pasado mes de xuño, o presidente Pedro Sánchez comprometérase a aplicar a lei de Memoria Histórica, o que se traduce nesta medida. Finalmente, o traslado non puido ser acometida en xullo e agosto, como inicialmente indicara. Non obstante, na pasada quinta feira, o político socialista asegurou que a exhumación será levada a cabo, como mínimo, en setembro. A falta de semanas para vencer ese segundo prazo, a Igrexa Católica –custodia do templo– xa afirmou que non permitiría o traslado dos restos sen o permiso dos descendentes do ditador.

Devolución dos bens espoliados polo franquismo

O BNG demanda ao goberno de Sánchez un compromiso para restituír a Memoria histórica en Galiza. A deputada Noa Presas afirmou que “o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas do Pórtico da Gloria son exhumacións pendentes en Galiza” polo que reiterou a reclamación da devolución dos bens espoliados durante o franquismo.

En Marea tamén reclamou ao Goberno que inclúa a devolución do Pazo de Meiras no decreto de modificación da Lei de Memoria Histórica. Ademais, pide que o executivo inicie a demanda civil para que o inmoble poida incorporarse canto antes ao patrimonio público e dedicarse a usos dotacionais públicos

Comentarios