sábado 16/01/21
Coincidindo co 100 aniversario da Asemblea de Lugo

Vía Galega proclama a Carta de Dereitos centrada no dereito a decidir

Vía Galega, a Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, conmemorou na mañá do domingo en Lugo o centenario da I Asemblea Nacionalista, que por vez primeira reivindicou a soberanía como obxectivo político. Fíxoo cun amplo programa de actos en que destacou a proclamación da Carta de Dereitos do Pobo Galego.

[Imaxe: Vía Galega] Lectura de textos na muralla
[Imaxe: Vía Galega] Lectura de textos na muralla

20181118_113351Ás 11 horas da mañá do domingo arrancaba no IES Lucus Augusti o programa de actos cos que Vía Galega, a Plataforma Social en Defensa dos Dereitos Nacionais de Galiza, conmemorou o centenario da Asemblea de Lugo e onde se aprobou a Carta de Dereitos do Pobo Galego, un documento cuxo preámbulo foi lido por testemuñas vivas das Irmandades da Fala: Antón Santamarina, fundador das Mocedades Galeguistas; Elvira Varela Bao, filla de Elvira Bao e Bernardino Varela, e Amalia Bóveda, filla de Amalia Álvarez e Alexandre Bóveda.

Cesáreo Sánchez, Xosé Luís Armesto, Isabel Risco, Paulo Carril, Virxinia Rodríguez, Elías Somoza, Teresa Ramiro, María Seijas, Xan Manuel Tobío e dúas crianzas, estas últimas en representación da Galiza do futuro,  puxeron voz ás reivindicacións recollidas na carta, proclamada “por lealdade ao mellor da nosa tradición histórica, así como aos intereses colectivos das galegas e galegos de hoxe en día e por compromiso co seu futuro”. Uns dereitos que “como nación nos corresponde defender”.

“Outro mundo en chave de progreso só é posíbel recoñecendo que todos os pobos somos iguais e que temos dereito a decidir para lograrmos a nosa emancipación”

“Outro mundo en chave de progreso só é posíbel recoñecendo que todos os pobos somos iguais e que temos dereito a decidir para lograrmos a nosa emancipación desde a igualdade, a xustiza social e a sustentabilidade ecolóxica”, recolle o documento, que alude, entre outras normas internacionais, á Carta das Nacións Unidas, ao Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais e ao Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos. Neste sentido, salienta que Galiza é unha nación e o pobo galego un suxeito político diferenciado titular de dereitos colectivos, “recoñecéndose así polo IX Congreso de Nacionalidades Europeas (1933), adscrito á Sociedade das Nacións”.

20181118_121509A carta aprobada por Vía Galega érguese ao redor de nove apartados: dereito á existencia, dereito de autodeterminación, dereitos e liberdades, dereitos económicos, dereitos sociais, dereitos culturais, dereitos ambientais, dereito á memoria para ter futuro e dereito á relacións internacionais propias, todos formulados en aras de construír “unha sociedade nova, baseada na xustiza social, que só ten sentido desde a igualdade real e plena de quen a conforma”.

O porque da conmemoración

Foi Bruno Lopes Teixeiro quen, como un dos portavoces do colectivo, explicou os motivos que levaron a Vía Galega a convocar unha xornada de marcado carácter reivindicativo.

Lopes Teixeiro lembrou na súa intervención Xaime Quintanilla, “assassinado polo fascismo em Canido em agosto de 1936. Esse mesmo fascismo que em 2018 quer levar a prisom vários patriotas por defenderem a devoluçom ao povo do Paço de Meirás” e valorizou a “auto-organizaçom e a auto-gestom” como “peças angulares” de Vía Galega, vertebrada no “associacionismo de toda índole”.

Lopes Teixeiro: “Nom podemos viver só lembrando efemérides sem mirar ao futuro”

“Nom podemos viver só lembrando efemérides sem mirar ao futuro”, salientou o membro da Fundaçom Artábria, quen explicou que Vía Galega naceu coa vontade de crear consciencia nacional complementando as organizacións que existen no campo soberanista. “Trabalharemos cotovelo com cotovelo com quem quiger na socializaçom de dous conceitos claros: Galiza é umha naçom e tem direito à autodeterminaçom”.

Lopes Teixeiro apelou a sumar “outros setores hoje alheios a qualquer projeto soberanista” para seren “muitos e muitas mais”. Referiuse, a continuación, aos 100 anos que decorreron desde a I Asemblea Nacionalista até un 2018 en que existe, dixo, “um projeto nacional em construçom vivo”. Citou desde as Irmandades da Fala á Sociedade Nacionalista Pondal, desde as páxinas de A Nosa Terra á Fouce, desde o Consello da Galiza á Unión do Povo Galego, de ERGA a Erguer, da SOG até a CIG e das e dos que sufriron prisión e exilio. “Hoje estamos aquí graças a eles, porque ninguém apagou o facho de ver algum dia a República Galega feita realidade”, engadiu.

Reivindicouse “um diário galego e em galego, com umha linha editorial de país”

Insistiu o portavoz de Vía Galega en tres espazos de contrapoder desde onde acumular forzar para o soberanismo: os centros sociais, o relevo xeracional e a información en galego “desde o nosso próprio relato”. Foi neste punto onde reivindicou, alén de espazos como as Sementes, “um diário galego e em galego, com umha linha editorial de país”.

Lopes Teixeiro finalizou a súa intervención chamando a “colher as rédeas do nosso destino, ou a história nos vai dar finiquito em menos de um século”. “É tempo de pensarmos como aprofundar no trabalho da Via Galega, onde a crítica, a autocrítica e o debate sejam práticas criadoras de consenso e onde todas as famílias do soberanismo se vejam cómodas”, concluíu.

O primeiro dos actos, conducido por Xurxo Souto, contou coa música de Jasper e Navia Rivas e da asociación cultural Cántigas e Frores, que interpretou o Himno Nacional.

Ofrenda floral e lectura na muralla de Lugo

Continuou a xornada ás 13 horas coa ofrenda floral da Convocatoria Faraldo, que cada ano organizan asociacións de base de Lugo para rematar cun percorrido pola muralla de Lugo en que cinco entidades realizaron lecturas de textos vinculados coas Irmandades da Fala. Tomaron a palabra Lugo Patrimonio; a Asociación Cultural Valle-Inclán; a Asociación Cultural Ergueitos de Sarria, a Asociación Cultural Xérmolos de Guitiriz e o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA). O Himno Nacional volveu soar para poñer o broche de ouro a un programa que tivo como norte a reivindicación dos dereitos nacionais e sociais de Galiza.

comentarios