Vía Galega mostra a súa solidariedade co pobo catalán "na súa loita pola autodeterminación"

A coordenadora da plataforma social enviou un comunicado aos medios de denuncia da represión que sofre o pobo catalán.

Vía Galega 3 de marzo 2
photo_camera Un momento do acto de apresentación de Vía Galega, o pasado 3 de marzo

A plataforma para a defensa dos dereitos nacionais de Galiza, Vía Galega, manifestaba publicamente esta segunda feira a súa “absoluta solidariedade co pobo catalán na súa loita en favor da autodeterminación”. A coordenadora da entidade fai tamén un chamamento ao pobo galego para pronunciarse publicamente en contra da “vulneración de dereitos e liberdades que se está a producir” en relación á aplicación do artigo 155 da Constitución.

Esta mostra de solidariedade entre pobos ten lugar após as concentracións convocadas pola plataforma Galiza con Catalunya en diversos puntos do país. Vía Galega censura a violencia e represión “á maioría social” catalá que ven a acontecer desde a celebración do referéndum, o pasado 1 de outubro. Alén disto, a plataforma tamén empatiza "coas persoas que están a ser perseguidas polo seu ideario catalanista”, algunhas delas ingresadas en prisión.

Por último, a plataforma social apunta como ditas prácticas represivas están a “azoutar” a maioría política de Catalunya e as súas institucións democráticas, parella a unha actuación xudicial de parte. A organización aproveitou tamén a ocasión para reafirmar o seu compromiso e defensa do dereito de autodeterminación de Catalunya, Euskadi e Galiza.


Comentarios