Sobre o veto a Otegi, Villares limítase a dicer que a decisión é “recorríbel”

O candidato de En Marea perdeu esta cuarta feira a oportunidade de rectificar as súas declaracións sobre o direito de Arnaldo Otegi a se candidatar e lonxe diso afirmou que o que fixo hoxe a Xunta Eleitoral de Gipuzkoa foi simplesmente executar a sentenza da Audiencia Nacional.

Luís Villares_NósTV
photo_camera Luís Villares_NósTV

Nen unha palabra en solidariedade co líder da esquerda abertzale por parte de Luís Villares, o maxistrado ao que En Marea propón como candidato á presidencia da Xunta. O xuíz continúa preso da súa condición de tal -o consabido corporativismo- e mostra certas dificuldades á hora de detectar as implicacións políticas de decisións xurisdicionais. Perguntado esta cuarta feira sobre a decisión da Xunta Eleitoral de Gipuzkoa, Luís Villares, en declaracións recollidas por Europa Press, dixo literalmente: "As persoas que están inhabilitadas por unha condena penal a presentarse ás eleccións non poderán facelo".

A xuízo do candidato da Marea, a Xunta Eleitoral de Gipuzkoa adoptou a súa decisión "obrando en execución desa sentenza", dixo en alusión ao fallo da Audiencia Nacional contrario a Otegi.

Villares mostra certas dificuldades á hora de detectar as implicacións políticas de decisións xurisdicionais

Sobre o veto ao político de Elgoibar, Villares limitouse a dicer que a decisión é "recorríbel perante os tribunais" e, polo tanto, iso será o que teñan de facer "as persoas que estean interesadas en facelo", dixo cun ton de absoluto distanciamento a respeito de Otegi e a esquerda abertzale.

Villares remachou que o que lle interesa a súa formación é "solucionar os problemas de Galiza". Reafirma así as súas polémicas declaracións de días atrás cando, en relación a este mesmo asunto, dixo literalmente que "as sentenzas están para cumprilas".

Contrasta este posicionamento de Villares co realizado por dirixentes de Podemos no Estado, de Pablo Iglesias a Errejón, e até na Galiza, como Gómez Reino, críticos coa inhabilitación a Otegi. BNG e as demais forzas soberanistas de esquerdas do Estado manifestaron a súa solidariedade co líder da esquerda abertzale e consideraron política a decisión do órgao xudicial.

Comentarios