Verín remunicipaliza o servizo de auga ante o risco ambiental no río Támega

O Concello recupera para a xestión pública o servizo, privatizado en 2010.
pazos verin támega rturgalicia
photo_camera A empresa que xestiona o servizo de abastecemento non resolve os problemas de auga sen depurar ao río Támega. (Foto: Turgalicia)

O día 1 de xaneiro de 2010 a empresa Espina e Delfín iniciaba a xestión do servizo de augas e saneamento de Verín. Doce anos e cinco meses despois, o Goberno local verinés anunciou a remunicipalización do servizo, nunha decisión "moi meditada e documentada", afirma o propio Executivo municipal.

O paso de recuperar para o público un servizo xestionado por unha empresa privada non é a primeira vez que se dá por parte deste Goberno de coalición entre o PSdeG e BNG. Desde o Concello atende Nós Diario o tenente alcalde Diego Lourenzo (BNG), que explica como "desde 2015 levamos recuperados oito servizos, nove con este da auga, que antes eran privados".

Da Axuda no Fogar e a recollida de lixo até a limpeza viaria ou o aparcamento soterrado, as remunicipalizacións responden a un convencemento "de que os servizos públicos deben de ser de xestión pública e ao servizo da veciñanza, non para se xestionar en base a intereses privados", apunta Lourenzo. O servizo de auga e abastecemento vai ser o último, polo de agora, en seguir ese camiño.

A decisión parte tanto desa aposta do Executivo municipal pola xestión pública dos servizos, como pola obriga de intervir perante unha "xestión deficiente" ao longo destes anos por parte da concesionaria que leva mesmo a un "risco medioambiental" sobre o río Támega.

Deficiencias e custos

A orixe do problema, que ten entre as súas consecuencias que o Támega —río que baña concellos galegos e portugueses—reciba auga sen depurar, está na depuradora. Estas instalacións reciben máis augas das que poden procesar, consecuencia da infiltración de augas subterráneas nas tuberías en mal estado da rede que atravesa Verín. A empresa concesionaria, que debería acometer as obras da mantemento e mellora, "non parece disposta a isto", segundo o Concello de Verín, que entende que se dá un "incumprimento contractual" polo que este decidiu iniciar o proceso de recuperación do servizo.

De feito, a Confederación Hidrográfica do Douro revisou a autorización de vertedura de augas de Verín —de 3.000.000 metros cúbicos— aumentando a súa taxa de 40.000 a 200.000 euros anuais debido á dilución dos residuos.

Catro vías cara á remunicipalización

"Fixemos os deberes, non é unha decisión improvisada", salienta o tenente alcalde, apuntando a que a recuperación non vai implicar "en absoluto" aumento de taxas ou canon á veciñanza.

Ante unha situación de incumprimento ábrense catro vías posíbeis para recuperar o servizo: rescisión, rescate definitivo, intervención ou secuestro. Esta última vía legal, que faculta o Concello para asumir ingresos e gastos —incluído o do persoal—, e incluso prorrogar a concesión dous anos máis, é pola que opta o Goberno local mentres se concreta o rescate do servizo.

Secuestro

Esta mesma fórmula, o secuestro, foi a adoptada para recuperar a xestión en 2015 do aparcamento subterráneo do Concello, tamén xestionada por unha empresa privada.

Comentarios