Veredicto unánime na prensa conservadora: Feixóo será o relevo de Raxoi

La Razón -rotativo moi próximo a Raxoi- titula esta cuarta feira: "A cúpula traballará para haber unha lista única ao Congreso", unha información que ilustra con foto de Feixóo. Mentres tanto, Soraya Sáenz de Santamaría e María Dolores de Cospedal meditan se dar o paso de se postular na carreira pola sucesión de Raxoi ou se abrazar o consenso arredor do aínda presidente da Xunta.

Feijóo
photo_camera Feixóo

Se nos guiarmos polos titulares, polas manchetes, da imprensa española de orientación conservadora, Feixóo é o favorito número un á sucesión de Raxoi no congreso extraordinario que vai convocar o PP. Nunha crónica asinada por Carmen del Riego, La Vanguardia noticia que o inquilino de Monte Pío xa tería comunicado en privado a súa intención de ser candidato. Falta agora que verbalice en público a súa ambición de liderar o partido no estado.

"Raxoi abre unha sucesión urxente no PP e evitar dar vantaxe a Soraya", titula ABC, o outro rotativo da dereita claramente marianista. O periódico monárquico vai apoiar a vía Feixóo e xa desde o minuto cero sinala como hipótetica rival do político de Os Peares a ex vicepresidenta do Goberno.

Quen xa ve a disputa interna no seo do PP resolvida é El Mundo, que proclama na súa capa: "Feixóo, o sucesor de Raxoi que máis apoio interno suscita no PP". 

Na imprensa dixital, El Español de Pedro J. Ramírez anticipa que Raxoi non estaría con Sáenz de Santamaría: "Raxoi deixa tirada a Soraya fronte a Feixóo e o poder territorial de Cospedal". Introduce aquí a variábel da secretaria xeral do PP como opción. Ela propia esta cuarta feira dixo que estaba a pensar que facer co seu futuro. "É unha decisión persoal que teño que tomar e cando a tome a comunicarei", afirmou.

El Independente, por súa parte, mesmo xoga coa hipótese de Feixóo aspirar ao liderado do PP estatal sen por iso renunciar á da Xunta: "Sen atrancos: Feixóo poderá simultanear a presidencia da Xunta e do PP". Apunta tamén outro cenario alternativo, o de Feixóo ser eleito senador por designación autonómica, o que lle permitiría confrontar con Pedro Sánchez na sesión de control ao goberno.

Na beira máis cavernaria da dereita mediática, o OK Diario enarbora directamente a bandeira feixoniana cun editorial intitulado "O futuro do PP apelídase Feixóo".

Comentarios