Xavier Vence defende que "a saída á crise é soberanista"

O novo portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, defendeu en entrevistas na RG e TVG que a saída á crise é "soberanista", poñendo o exemplo de como en países latinoamericanos "saen do pozo neoliberal con apostas soberanistas". Aliás, Vence pulou por "tecer complicidades" para ir "paso a paso" traballando na unidade do nacionalismo
Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

Foi a palabra máis repetida nas entrevistas que ao novo portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, lle fixeron esta segunda feira na Radio Galega e na Televisión de Galicia: Soberanía. Un concepto inexistente na axenda de información política destes medios públicos galegos tivo onte minutos de protagonismo e explicación por parte de Vence. Fronte ás preguntas de se a vía soberanista non é unha aposta afastada da realidade, o novo portavoz do Bloque afirmou que "é a vía máis realista nas circunstancias actuais". Vence incidiu en que a actual crise "mostra até que punto se non hai soberanía quedamos todos aos pés dos mercados".

Esta Asemblea Nacional puxo fin a unha fase de lamentos e divisións no BNG e iniciamos unha nova etapa"

Así, e nesta liña explicativa, Xavier Vence afirmou que "a saída á crise é soberanista", apontando que "este é o concepto clave para saír da crise". E puxo como exemplo os procesos que se desenvolven en Latinoamérica "que sae do pozo do neoliberalismo con apostas soberanistas, tanto en Brasil, como Venezuela, Uruguay...". Xavier Vence explicou que a aposta que sae da XIV Asemblea Nacional do BNG é "que o noso país teña todos os instrumentos necesarios para, desde Galiza, defender os nosos intereses e sectores produtivos" e encetar políticas dirixidas ao benestar das maiorías sociais.

Meter sistema financeiro en cintura

O novo portavoz nacional da fronte nacionalista, aliás, considera que a soberanía é a mellor ferramenta para "meter o sistema financeiro en cintura". Tamén sinalou que a soberanía é a verdadeira garantía da democracia ("sen soberanía, a democracia non ten sentido. Vémolo cando o pobo non decide, senón que son os mercados quen dictaminan que programas políticos aplicar").

"Sen soberanía, a democracia non ten sentido. Vémolo cando o pobo non decide, senón que son os mercados quen dictaminan que programas políticos aplicar"

Xavier Vence incidiu en que a independencia non sempre é garantía de un país sexa soberano, "aí está o exemplo recente de Chipre". E neste punto falou da frase dita pola representante do Bloco de Esquerda de Portugal na XIV Asemblea Nacional: "Portugal é independente mais non soberano. Hoxé é unha colonia de Alemaña".

Tecer complicidades e unidade do nacionalismo

En ambas as dúas entrevistas, Vence foi preguntado pola situación do nacionalismo galego e a posibilidade de recomposición e confluencia. O portavoz nacional mostrouse partidario de "ir paso a paso" cara  "construír complicidades entre todos" que permitan "un espazo de confluencia de todo o nacionalismo" e "abrir un proceso de diálogo e estabelecer pontes".

"Queremos configurar un polo nacionalista forte que sexa alternativa política na Galiza"

E cal sería o obxectivo?. Vence non oculta que "queremos configurar un polo nacionalista forte que sexa alternativa política na Galiza". Un dos compromisos da XIV Asemblea Nacional do BNG. Unha cita que, indicou Xavier Vence, supuxo poñer fin "a unha fase de lamentos e divisións no BNG e iniciar unha nova etapa, a idea de traballar todos en cohesión e positivo".