A úNICA CONDICIóN QUE PON O BNG á UNIDADE é QUE NON SE SUPEDITE A NINGUNHA SIGLA

Vence ve arrogante a Podemos por querer "pór as regras do xogo desde Madrid"

Ao BNG non lle vale nen a fórmula Podemos+Outra Cousa nen a variante Outra Cousa+Podemos. Iso é o que se tira do dito esta cuarta feira polo portavoz nacional da formación frentista en conferencia de imprensa.

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence, nun Consello Nacional

Vence compareceu na Sede Nacional para avaliar a situación en que se acha o sector lácteo galego após se coñecer que o Goberno español se nega a garantir un prezo xusto para os produtores, mais na quenda de perguntas tivo que lidar coas inevitábeis cuestións sobre as recentes declaracións do número 2 de Podemos, Íñigo Errejón, quen esta terza feira veu dicer que o BNG non estaría interesado nunha coligazón con Podemos para as xerais.

O portavoz nacional do BNG deixou basicamente dúas mensaxes. Primeira, que o que pretende Podemos -a quen ve "arrogante" e "prepotente"- é "engordar" o seu grupo parlamentar en Madrid. E segundo, que o Bloque está por unha "candidatura galega de unidade" e que a única condición que pon para fraguar esa unidade é que esta "non se supedite a unhas siglas".

O BNG xa ten mostrado a súa vontade de prescindir da súa marca nas eleccións xerais, para facilitar unha candidatura de unidade, un xesto do que estaría neste momento distante, e moito, a formación de Pablo Iglesias.

A concesión que a formación de Pablo Iglesias estaría disposta a facer aos seus eventuais parceiros, en Valencia e na Galiza, sería que, na denominación da candidatura, Podemos fose en segundo lugar

Nas últimas horas, si houbo movimentos na formación podemita: a concesión que estarían dispostos a facer aos seus eventuais parceiros, en Valencia e na Galiza, sería que, na denominación da candidatura, Podemos fose en segundo lugar: dito doutro xeito, que non canto de ser, por exemplo, Podemos-Marea Galega, fose Marea Galega-Podemos.

A inversión da orde dos factores non satisfai ao BNG, quen considera -dito por boca do seu portavoz nacional- que Podemos "quer pór as regras de xogo desde Madrid".

A candidatura nacional de unidade pola que advoga o BNG debe ter como obxectivo "a defensa dos intereses inmediatos e estratéxicos da Galiza en Madrid", para o cal "é preciso que elabore a súa estratexia desde a Galiza".

Esa candidatura debería resultar na formación dun grupo parlamentar galego visando o "recoñecimento como nación [da Galiza] en pé de igualdade con Catalunya e con Euskadi"

Comentarios