venres 10.07.2020

Vence: ‘’O señor Escotet obtén beneficios mentres nós quedamos sen banco galego’’

Xavier Vence
Xavier Vence

O portavoz do BNG empraza Núñez Feijóo a que explique “a súa complicidade co espolio do noso sistema financeiro’’, após Abanca obter nun ano máis beneficios do que o que pagou ao FROB polas caixas galegas.

Xavier Vence considera paradóxico que ao tempo que o PP realizaba en Galiza estes días a súa “festa jolgorio de autobombo” -convención electoral, actos propagandísticos..- se coñecesen novas como a indemnización a pagar a Pescanova ou os beneficios de Abanca. Para o portavoz do BNG, “o único que podemos ver en Galiza que trouxeron as políticas do PP e o espolio e saqueo sistemático dos contribuíntes, dos usurarios dos servizos públicos, dos aforradores e dos consumidores”.

Como exemplos, Vence citou “a aniquilación do sistema financeiro galego” e o “desleixo na defensa dos intereses públicos que se traduce nunha indemnización a Pescanova dun millón de euros”. “No primeiro ano o señor Escotet obtén uns beneficios que superan a todo o que ten que pagar pola primeira entidade financeira do país que xestiona o 35% do noso aforro, mentres nos quedamos sen un banco galego, sen crédito para familias e empresas que segue sen fluír e aínda sen concluír a devolución da totalidade do estafado polas preferentes”, denunciou. “Feijóo debe explicar a súa complicidade co espolio do noso sistema financeiro”, demandou o portavoz do Bloque.

O BNG tamén atribúe ao “desleixo” do presidente da Xunta que unha decisión ilegal adoptada por un goberno en funcións do PP en 2005 do PP do que formaba parte, termina custando un millón de euros á facenda pública.

comentarios