Vence revela que Feijóo mantén "entrevistas secretas" nas vésperas da venda de NGB

O Bloque exixe que o presidente da Xunta explique no Parlamento se está a manter entrevistas secretas cos líderes das entidades que poxan por NGB. Asemade denuncian que se teñan "espoliado 13.500 millóns públicos" para entregar a entidade a "fondos foráneos".

Isidre Fainé, Francisco González, Núñez Feijóo e Emilio Botín
photo_camera Isidre Fainé, Francisco González, Núñez Feijóo e Emilio Botín

A organización frontista di posuír "información oficiosa" que apunta que Núñez Feijóo se está a entrevistar en segredo con Francisco González --presidente BBVA--, Emilio Botín --presidente do Santander-- e Isidre Fainé --Caixa Bank. 

"Por que Feijóo está silencioso" perante o "desmantelamento" e "espolio" de NGB?, preguntouse Xavier Vence, quen exixiu ao líder do executivo galego explicacións a respeito de "se está negociando algún trato de favor" con algunhas das entidades que apostan en NGB e se mesmo "o están a premiar por ese silencio", subliñou o voceiro nacional do BNG.

Desde a organización frontista anunciaron esta segunda feira que iniciarán unha "ofensiva parlamentar", afirmou Francisco Jorquera, para que Feijóo explique o que até o de agora, dixo, "é incapaz de dicir". 

13.500 millóns de euros públicos para NGB
Xavier Vence denunciou en comparecencia de imprensa os "cartos dos contribuíntes" que desde o Goberno español --a través do FROB--  foron entregados a NGB para rescatala e que "serán regalados", sinalou, "coa venda de NGB". Neste senso, explicou, aos 9 mil millóns de euros iniciais entregados á entidade co rescate financeiro aos que se lle engadirán "créditos fiscais" por valor de 4 mil 500 millóns de euros. "En total", indicou o voceiro do BNG, "13.500 millóns de euros públicos que acompañarán a entrega de NGB". 

Desde o Bloque instan aos gobernos español e galego a explicar "por que se usan millóns de euros para regalar" a entidade financeira "a fondos foráneos" e por que se está a acelerar a súa venda "cando o acordo asinado coa UE" estabelecía un prazo moi superior para adoptar algunha decisión, concretamente até 2017. 

Un presidente "demisionario" da súa función
O portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera, criticou con dureza a actitude do presidente da Xunta de Galiza ao que acusou de non exercer ningún liderado no proceso de venda de NGB e estár "á espera do que outros decidan". Para @s nacionalistas as declaracións manifestadas por Núñez Feijóo na entrevista publicada por La Voz de Galicia esta fin de semana en que o presidente se laiou de non ter competencias na materia para, afirmou Jorquera, "xustificar a súa inacción". 

"Feijóo elude responder", insisten desde o Bloque e exixen que compareza no Parlamento para explicar que está a acontecer con NGB, unha entidade "básica" para "podermos ter futuro como país". 

Comentarios