"Esta semana os órgaos do BNG tomarán a decisión ou ir con Bildu ou ir con ERC"

Após a decisión da CUP de non concorreren aos comicios europeos, o portavoz da fronte nacionalista di que reconsiderarán as opcións. "Esta semana os órgaos do BNG tomarán a decisión. As opcións son dúas: ir con EH Bildu ou ir con ERC''.

vence
photo_camera vence

O portavoz nacional do BNG asegurou en comparecencia de imprensa esta segunda feira que a decisión adoptada pola CUP o 9 de marzo de non concorrer ás eleccións europeas "obríganos a reconsiderar as opcións". @s independentistas cataláns optaron por non se presentar á cita do 25 de maio, co que imposibilitan a coligación a tres de BNG, EH Bildu e a Candidatura d'Unitat Popular.

"Respectamos a decisión da CUP, mais obríganos a reconsiderar todas as opcións"

Xavier Vence sinalou que ante este novo escenario, "sobre a mesa" do BNG volven estar dúas opcións: concorreren en coligación con EH Bildu ou ben ERC. As asembleas comarcais do BNG deron no seu dia un respaldo masivo a unha coligación trilateral BNG-EH Bildu-CUP. O feito de se descolgar a CUP volvería, a xuízo de Vence, a poñer o contador a cero sobre socios para a cita do 25 de maio.

Aquela aposta en ir xuntos o soberanismo de esquerdas de Galiza, Euskal Herria e Catalunya, explicou Vence, ten agora que ser "reamañada en función da decisión das CUP, unha decisión que respeitamos". O voceiro nacionalista adiantou que ao longo desta semana os órgaos do BNG "tomarán as decisións oportunas", e incidiu en que "o importante" é que Galiza "teña presenza e representación en Europa".

O portavoz nacional insiste, alén de quen sexa o parceiro, que o importante é que "Galiza estea representada en Europa"

En solitario?

Sobre a posibilidade de o BNG concorrer en solitario, Xavier Vence recoñeceu que "é teoricamente posíbel" mais que as opcións que van estar riba da mesa para se debater son dúas: ou manter a coligación con EH Bildu ou ben apostar en ir con ERC. A militancia será, a través das asembleas, a que terá a última palabra, sostivo o voceiro nacionalista.

O que si rexeitou o portavoz nacional de forma contundente foi o de facer parte dunha coligación a nível estatal. "Galiza é un espazo político propio que hai que reforzar, sen supeditalo a forzas e dinámicas estatais".

Comentarios