Vence quere “sumar forzas” en chave galega para “vencer o PP”

“Hai que abrir moito máis o diálogo social e non quedar nunha mera suma de siglas”, afirmou o voceiro nacional do BNG, que asegura que a súa forza política está “nun proceso de reflexión”.

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, concedeu unha entrevista á Radio Galega na que, ante o horizonte electoral que se abre e que ten como primeira estación as municipais, sinalou a necesidade dunha “acumulación de forzas alternativas que sexa capaz de derrotar un PP que tras das eleccións quedou claro que é vencíbel”. O dirixente nacionalista deixou claro que esas alianzas terán que facerse “en chave galega, de país”.

Con todo, Vence remarcou que os obxectivos da súa formación van máis alá das citas coas urnas ou da limitación ás cúpulas de organizacións electorais. “Non se trata dunha mera suma de siglas, ese non é o problema de fondo. Hai que abrir máis o diálogo social, non limitalo a expresións parciais polas que cada vez máis cidadanía sente distanciamento”, explicou. “O BNG quere ser interlocutor tamén ante esa xente que busca outras fórmulas de participación”, engadiu.

"As eleccións deixaron claro que o PP é vencíbel", afirma o dirixente nacionalista

O voceiro do Bloque tamén contrapuxo os bos resultados de Podemos na maioría do Estado -tamén en Galiza- cos que tivo en Cataluña e Euskal Herria, “onde a presenza do nacionalismo xera un debate político e unhas alternativas que se formulan de forma moi maioritaria en chave de país”, circunstancia que desexa que ocorra tamén en Galiza.

Por último, Xavier Vence recoñeceu que o BNG “está agora nun proceso de reflexión interna para tirar conclusións dos resultados electorais e compoñer unha folla de ruta para o futuro”.

Comentarios