Vence pide a retirada da LOMCE por "inconstitucional"

O portavoz da organización frontista demanda á Xunta que presente un recurso de inconstitucionalidade pola invasión competencial da Lei Wert nun acto no que o Bloque amosou o seu apoio á folga estudantil do 20-F.

bng
photo_camera [Imaxe: @obloque]

O líder do BNG, Xavier Vence, pediu esta segunda feira que a Xunta de Galiza presente un recurso de inconstitucionalidade contra a LOMCE porque, sinalou, "invade as competencias do noso Estatuto de Autonomía, as competencias plenas que temos en materia de Educación". Da mesma maneira, o portavoz nacional da organización frontista avanzou que o grupo parlamentar do Bloque presentará unha proposición na Cámara galega para que o poder lexislativo "se pronuncie no mesmo sentido". 

As declaracións de Vence producíronse nun acto desenvolvido polo BNG ás portas da Biblioteca Concepción Arenal (USC) no que estivo acompañado polo secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, e a responsábel de Ensino da organización xuvenil, Alba Castanedo, e no que o voceiro do Bloque amosou o apoio da fronte nacionalista á folga estudantil convocada para esta quinta feira (20 de febreiro). 

Unha lei "clasista, privatizadora e inconstitucional"

Para @s nacionalistas, a Lei Wert é “clasista, privatizadora e inconstitucional” polo que debe ser retirada. Segundo Vence, a LOMCE "destrúe moitas das conquistas dunha educación igualitaria e pública, porque é privatizadora e porque representa un paso atrás que non podemos consentir". Así é que o BNG apoiará a xornada de loita convocada polas organizacións estudantís e secundará as mobilizacións que terán lugar por todo o país ás 12.00 horas. 

Pola súa banda, o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Mera, lanzou un chamamento á mocidade galega para secundar a folga porque "desde o sofá non hai solución", denunciou, "hai que erguerse polos dereitos porque se deixamos que se destrúa o ensino público nunca máis será recuperábel". Así mesmo, Alba Castanedo salientou algunhas das consecuencias que terá a reforma educativa para o estudantado, entre elas, “os recortes das bolsas e das axudas universitarias” e a mudanza dun "dereito" como o ensino "nun privilexio". 

Comentarios